Fanny Basanta: "Os nosos proxectos buscan axudar e educar na diferenza"

A deseñadora rouparesa fíxose co premio Emprendedoras 2017 do Concello de Madrid grazas a un guante de silicona para próteses

Fanny Basanta. EP
photo_camera Fanny Basanta. EP

Como xurdiu Wallere?
Xurdiu do encontro entre Marina e eu cando vimos como as nosas especialidades encaixaban e podían axudar a moita xente con realidades diversas a ter as súas necesidades cubertas. As nosas disciplinas son a base da compañía, unimos o coñecemento sanitario coa innovación e a creatividade aportando solucións personalizadas e alternativas.

Canto tempo levan coa empresa?
A empresa como tal empezou en novembro de 2017 grazas a gañar o premio Mujeres Emprendedoras en Madrid, pero colaborando xuntas levamos dende 2016, cando nos presentou unha amiga común, Guiomar, a nosa musa.

Como foron os inicios?
Cando fas algo que che presta non é duro, o tempo pasa voando! Pero si que tivemos que aprender moi rápido cousas que igual non esperabamos, sobre todo a nivel burocrático e lexislativo. Por sorte atopamos moi boa xente polo camiño e neste caso o noso asesor fiscal, Álex, é tamén galego, axudounos moito.

Grazas á inspiración e a admiración a meu tío Aveli decidín que quería facer algo relacionado coas próteses

Os seus produtos tratan de facilitar a vida das persoas con realidades físicas diversas. O primeiro prototipo foi un guante de silicona?
Si, Silma. Este primeiro rpoxecto naceu antes de que Marina e eu nos coñeceramos. Foi o meu proxecto final de Grao. Grazas á inspiración e a admiración a meu tío Aveli decidín que quería facer algo relacionado coas prósteses. Botei un ano estudando diferentes tipos, como as utilizan os usuarios, entendendo por que motivos decidían utilizar unhas ou outras e cales eras as súas queixas para poder focalizar e ofrecer unha solución que se adaptase ao maior número de persoas. Tras tres anos de traballo o resultado foi Silma, un guante de silicona que protexe as próteses de man e de brazo.

Que utilidade ten?
Serve para que as próteses se poidan amortizar durante máis tempo. Tamén aporta estabilidade para que as actividades que requiran das dúas mans se poidan realizar con máis facilidade e evita que o usuario adopte malas posturas que comportan problemas ergonómicos nas costas a longo prazo.

É reutilizable? Que outras características ten?
Si, utilizamos silicona que pode estar en contacto con calquera tipo de pel, comida e incluso calor. Pódese utilizar para coller unha bandexa do forno sen medo a queimar a prótese e estabilizando o peso entre os dous brazos, por exemplo. Ademais, a silicona pódese limpar con auga e xabón ou incluso no lavalouzas para poder utilizala durante anos.

Xa se pode adquirir?
A mellora maneira é utilizar o formulario de contacto que se pode atopar no noso enderezo www.weallare.co. E nuns meses activaremos a tenda online para que sexa máis rápido e doado. A medida é axustable, existen tres tallas e a cor pódese personalizar debido a que se fabrican baixo demanda, facendo así a produción máis sostible.

Temos en proceso un libro sobre o concepto da discapacidade con historias reais que mostran diferentes realidades

Teñen xa algún outro proxecto en mente?
Ter temos varios, a cabeza non para! Pero todo leva o seu tempo e irán vindo pouco a pouco. O que xa temos en proceso é un proxecto máis educativo. Un libro sobre o concepto da discapacidade con historias reais que mostran diferentes realidades. Queremos que, sobre todo, os máis pequenos poidan crecer sen estigmas ou medos á diferenza e que aqueles que sintan diferentes se poidan sentir acompañados e apoiados. Queremos abrir debate sobre o tema.

Recibiron o premio Emprendedoras 2017 de Yo Donna e o Concello de Madrid. Como recibiu a noticia?
Con moita sorpresa, a verdade. Todas as finalistas presentaban proxectos moi interesantes, así que non pensabamos en poder gañar ata que dixeron o noso nome. Fomos a Madrid sen imaxinar que volveriamos cun impulso tan grande para o proxecto. A verdade é que foi clave para chegar ata onde estamos. Estamos moi contentas con todas as oportunidades que estamos tendo.

O recoñecemento axuda a seguir pelexando?
Moito. Grazas ao premio coñecemos máis xente e puidemos presentar o proxecto noutras feiras e eventos e iso é o que nos interesa. Darnos a coñecer para poder facer máis proxectos que poidan seguir axudando a xente e a educar na diferenza.

De preto
Hai moito que marchou de Roupar?
Leváronme para Catalunya xa hai 18 anos, cando soamente tiña oito. De nena pensaba medio enfadada:"A min ninguén me preguntou se quería marchar!". Pero agora penso que nin miña irmá nin eu lles imos poder chegar a agradecer aos nosos pais o grande esforzo e a valentía que tiveron de emigrar.
Son eles o espello no que se miran?
Por suposto, todo o que consigamos vai ser sempre grazas ao seu exemplo.
Aínda que leva moitos anos fóra, garda vínculos coa Chaira? Trata de regresar regularmente?
Volver, volvo cando podo. Intento que sexa mínimo unha vez ao ano, pero o tempo sempre queda curto e nunca sabes canto o botaches de menos ata que non volves.
E que é iso que tanto bota de menos?
Sen dúbida, a familia, o pan da casa e a agua do pozo. O que máis rabia me dá foi esquecer bailar muñeiras e non ter acento galego cando falo noutros idiomas. Pero tamén me presta sorprender a xente cando descobre que son chairega.
 

 

Comentarios