Familias de Pígara reclaman o transporte escolar ao IES de Guitiriz

O Concello e os afectados levan un ano esixindo un servizo ao que cren que os alumnos, de 1º de Eso, teñen dereito gratis
Nais de Pígara que reclaman o transporte escolar ao IES de Guitiriz. C.PÉREZ
photo_camera Nais de Pígara que reclaman o transporte escolar ao IES de Guitiriz. C.PÉREZ

Tres familias da parroquia de Pígara levan un ano pelexando por dispoñer dun servizo ao que entenden que teñen dereito por lei: o transporte escolar gratuíto dos seus fillos ao instituto do municipio, o Poeta Díaz Castro de Guitiriz, onde están a cursar primeiro de secundaria. 

Malia as múltiples comunicacións coa Xunta nos últimos meses —falaron con Educación e con Mobilidade, da que depende o trasporte escolar agora—, tanto pola súa parte como pola do Concello, que está a apoiar as súas reivindicacións, a situación non cambiou: páganlle de sete a nove euros diarios a un taxi para que os seus fillos vaian a clase. Un desembolso que a final de curso pode supoñer uns 1.500 euros que xa dan por perdidos, aínda que a alcaldesa, Marisol Morandeira, avanzou que o Concello prevé concederlles unha compensación por ter que afrontar un gasto "inxusto, que non lles corresponde". 

"O primeiro escrito é de xullo de 2020 e seguimos igual", din Beatriz Suárez, Julia Buján e María del Carmen Rigueiro, ás que se une na reclamación Mercedes Tella, cuxa filla cursa 1º BAC, polo que tamén faría uso do transporte escolar no canto de depender dun vehículo particular ou dun taxi, como fai agora.

Dende a Xunta aseguran que a Dirección Xeral de Mobilidade está a traballar "para achegar unha solución" que esperan concretar "nos vindeiros días"

As afectadas pensaron que xa estaba solucionado en decembro, cando se deseñou a ruta para o transporte escolar e lles solicitaron as coordenadas da localización das catro paradas. Confiaban en que en xaneiro, ao entrar a nova concesionaria do servizo de transporte, se realizaría o percorrido por  Pígara, pero non foi así.

"Queremos unha solución, para este curso xa pouco se pode facer, pero o que vén non podemos seguir así, dános igual que sexa un bus, un taxi ou unha beca que cubra os gastos", apuntan as catro nais, que avanzan que de cara ao vindeiro curso mesmo podería haber máis estudantes da parroquia matriculados no IES Poeta Díaz Castro.

"Son moitos anos de instituto para ter que afrontar este gasto, son cartos que poderiamos destinar a material escolar, a libros, á universidade...", din, esperando que alguén escoite as súas reivindicacións e actúe. 
O mesmo espera a alcaldesa, quen a pasada semana abordou o tema nunha reunión coa conselleira Ethel Vázquez e esta volveu tratalo con Educación.

"As familias están asumindo un gasto que non lles compete, levan así dende setembro e a única resposta que obtemos é que está en estudo", apunta Morandeira, que di non entender o funcionamento do novo sistema de transporte: "Se non é flexible para facer cambios, non vale, porque unha ruta escolar pode ter que cambiarse en calquera momento,  e estamos falando de educación obrigatoria, é responsabilidade da Xunta e isto é unha deixación de funcións por parte da consellería", conclúe.

MOBILIDADE. Dende a Xunta, coñecedores da reclamación destas familias, precisan que "a través da Dirección Xeral de Mobilidade se está a traballar para achegar unha solución", e avanzan ademais que prevén "poder concretala nos vindeiros días".

Comentarios