A familia de José Antonio Cobas doa á biblioteca Casa da Botica

Os seus tres fillos cédenlle ao Concello de Guitiriz ao redor dun milleiro de obras

Familiares de José Antonio Cobas, con Polín, ante as caixas de libros. C.P.
photo_camera Familiares de José Antonio Cobas, con Polín, ante as caixas de libros. C.P.

As dúas fillas de José Antonio Cobas González, Carmen e María Cobas Brey —o outro irmán, José Antonio, non puido estar presente no acto—, e o Concello de Guitiriz asinaron este xoves un convenio a través do que os tres herdeiros do avogado vigués ceden 48 caixas que gardan ao redor dun milleiro de publicacións para crear a biblioteca Casa da Botica.

A alcaldesa en funcións de Guitiriz, Regina Polín, agradeceu a vontade da familia de facer esta doazón e o compromiso municipal de "rexistrar, ordenar, conservar e difundir" estas obras, de múltiples temáticas e das que xa se levan rexistrados 420 exemplares. A rexedora adiantou que polo momento se gardarán nun espazo da biblioteca municipal, facendo constar o nome do doante, aínda que a idea é que estean na Casa da Botica, a disposición de usuarios e de visitantes, unha vez rematen as obras de rehabilitación.

Polín lembrou que, malia "as longas, arduas e complicadas" negociacións para facerse coa titularidade deste edificio, José Antonio Cobas González, un dos herdeiros, "sempre colaborou", igual có seu amigo e enlace para as negociacións, Cándido Vázquez.

"Mi padre estaría superorgulloso de que estos libros estén aquí", asegurou Carmen, mentres María incidía en que el lle tiña "mucho cariño a Guitiriz" e que a súa idea sempre fora doalos, polo que "lo mejor para su memoria es que estén en Guitiriz".

Comentarios