Falece Brígida Pérez, unha das impulsoras da queixería Daniberto de San Simón

O seu labor pioneiro axudou a desenvolver o nome desta denominación de orixe polo mundo
Ramos de flores en un camposanto. AEP
photo_camera Ramos de flores en un camposanto. AEP

Ela sempre estaba aí. Co seu sorriso, coa súa forza e co seu positivismo. E tíñao claro. A vida hai que gozala cada día. Quen sabe onde estaremos mañá? E poida que Brígida Pérez Fernández xa non estea aquí, que por esas cousas inxustas que ten a vida se tivese que ir moito antes de tempo, pero o seu espírito, o desas matriarcas loitadoras que son quen de transmitir o que non está escrito, seguirá presente na súa casa de San Simón, na queixería que con tanto traballo, esforzo e ilusión axudou a pór en marcha no barrio de Pude cunha clara vocación de futuro. Ou por que ían poñerlle ela e o seu inseparable Fernando o nome do máis importante para eles, os dos seus dous fillos, Daniel e Alberto, Daniberto, se non fose porque crían no proxecto... e neles. Non se equivocaron. Hoxe son eles os que están á fronte do negocio familiar, dunha queixería e dunha gandería que sempre foron moito máis que unha empresa. Son un legado, unha declaración de amor polas raíces.

E por iso, por todo aquilo que deixa tras de si, polo labor pioneiro que axudou a desenvolver levando o nome de San Simón polo mundo dende aquela pequeniña sala de elaboración abastecida directamente dende o enfriadero, apostándoo todo a un soño fronte a máis dun incrédulo, Brígida permanece. As súas longas conversas cheas de bo humor manteranse no recordo daqueles que tiveron a sorte de compartilas con ela, as súas ensinanzas seguirán dando froitos no día a día, o seu ánimo e o seu carácter servirán para recordar que hai que ver o vaso medio cheo.

Brígida sabía que había que vivir cada momento, que había que gozar das festas, de todo o bo, tentar pasalo o mellor posible, porque ás veces, toca pasalo mal. Toca despedir a alguén próximo e querido. Este martes, tocou despedila a ela aos 65 anos, mais cada raio de sol que brilla nestas soleadas tardes de xaneiro nas que familia, amigos e veciños senten un fondo pesar polo seu pasamento trae consigo un pouquiño do seu sorriso, da súa forza e do seu positivismo. Porque Brígida sempre estará aí