lunes. 01.03.2021 |
El tiempo
lunes. 01.03.2021
El tiempo

A factura que leva o vento

Eólicos, en Muras. C.ARIAS
Eólicos, en Muras. C.ARIAS
O Concello murés, que concederá por quinto ano consecutivo axudas para pagar o recibo da luz, incrementa a contía e estrea financiamento para pemes e autónomos

No concello galego con máis parques eólicos —cada dous veciños terían dereito a un aeroxenerador se se dividisen entre o total da poboación— a factura da luz lévaa o vento. 
Con 642 habitantes e 381 muíños repartidos entre 20 parques que inundan de xigantes blancos toda a paixase, o Concello de Muras ideou unha forma de distribuír beneficios entre a poboación e subvenciona dende o ano 2016 a factura eléctrica. Pero faino con fondos propios das arcas municipais. 

"É unha cuestión de xustiza. O BNG entendía que a xente, que é a que sofre o impacto dos parques, tiña que ter algo a cambio porque os parques se puxeron pasando por enriba de todo", indica o rexedor, Manuel Requeijo, que recorda que as axudas na factura da luz ían no seu programa electoral e foron unha das primeiras medidas do goberno local ao entrar no Concello en 2015. 

"Muras levaba moito tempo saíndo nos medios de comunicación cun discurso negativo e esta iniciativa puxo a Muras como algo positivo. Serviu para cambiar a visión do concello —con repercusión en xornais e televisións nacionais e internacionais, dende Holanda a Italia pasando pola República Checa— e ver as potencialidades ao mesmo tempo que se ofrecen axudas á xente para asentarse no rural, damos facilidades dentro das dificultades", indica. 

O Concello de Muras, que concederá por quinto ano consecutivo axudas para a factura eléctrica, foi modificando as bases co paso dos anos coa intención de "bonificar o 100% do consumo" do recibo da luz de gran parte dos veciños. O tope, que se incrementou a 600 euros por persoa, concédense dependendo da renda familiar. 

"O balance destes anos é moi positivo. Estamos contentos", apunta o alcalde, que explica que en 2020 decidiron dar un paso máis para que a maiores do consumo de uso doméstico tamén se poida subvencionar a luz das actividades económicas, o que inclúe autónomos e pequenas empresas e explotacións gandeiras cando son primeira actividade. 

"De cara ao futuro o que me gustaría é que se tivese en conta aos veciños, que se lles faga partícipes", di Requeijo, que nunha visión que recoñece utópica asegura que "o xusto é que os aeroxeneradores foran alugados".

En cifras: 175 familias beneficiarias
O Concello vén destinando ao redor de 70.000 euros ao ano ás axudas para a luz e actualmente son beneficiarias unhas 175 familias. "Máis ou menos representan o 75% dos veciños de Muras e deles aproximadamente o 50% financian o 100% do seu consumo coas axudas", cifra o rexedor de Muras, Manuel Requeijo. Este ano a contía incrementarase a 90.000 euros, con axudas de 1.500 para sufragar os recibos de actividades económicas
O 100% ata 15.000 euros
As axudas destínanse a pagar o consumo, non os impostos. E os baremos fóronse cambiando para que accedese cada vez máis poboación a máis contía. O primeiro ano o 100% do consumo era para rendas de ata 9.000 euros, subiu ata 11.000 no segundo e a 15.000 na actualidade. "O terceiro ano incluímos axudas para rendas de ata 22.000 euros e o ano pasado incrementouse ata 29.000", apunta o alcalde, que indica que nestes casos poden chegar a recibir ata 300 euros. O tope das axudas son 600 euros.
510.000 euros
É a cantidade que ingresan as arcas municipais anualmente a través do Fondo de Compensación Ambiental, ou canon eólico, polos aeroxeneradores que se sitúan no territorio. Pero estes fondos destínanse a obras e outros investimentos, non financian as axudas. Segundo o Observatorio Eólico de Galicia os parques en Muras facturan 90 millóns de euros.
 

A factura que leva o vento
Comentarios