A faceta máis humana do artesán de gaitas Seivane, protagonista dun libro

Xosé Manuel Sánchez deu forma á biografía, na que tamén se inclúen partituras inéditas
2020062212393879618
photo_camera Xosé Manuel Seivane, no seu obradoiro do Chao do Pousadoiro, na década dos 70. AEP

Máis alá do artesán, Xosé Manuel Seivane foi o referente de toda unha escola de músicos tradicionais polo empeño constante que demostrou para mellorarse a si mesmo e as súas creacións. Niso afonda a obra de Xosé Manuel Sánchez, unha biografía do artista nado en Fonmiñá, na Pastoriza, que se adentra "no contexto familiar, cultural e social, no seu nacemento e en como vai desenvolvendo a súa vida", define Sánchez.

En Xosé Seivane. A gaita con maiúscula, que é o volume catro da colección Tradición Oral-Música da editora Canela e que xa se pode adquirir no obradoiro Seivane, de Cambre, ou a través da propia editora, inclúense tamén medio cento de entrevistas a persoeiros da cultura e a todos os que coñeceron de preto ao gaiteiro, pese a que o propio autor tivo a oportunidade de ter unha estreita relación con el.

"Non foi partir de cero, teño varias gaitas de referencia que son de Seivane, así que xa coñecía o seu timbre, e ademais un trato persoal coa súa familia", asegura o escritor, filólogo de profesión [na foto], que engade que a axuda dos fillos de Seivane, Álvaro e Xosé Manuel, serviu de moito para contactar con antigos amigos e veciños do seu pai, moitos deles do Chao do Pousadoiro, onde naceron boa parte das gaitas que se converteron en xoias da música galega.

Xosé Manuel Sánchez: "Non foi partir de cero, teño varias gaitas de referencia que son de Seivane e ademais un trato persoal coa súa familia"

Aínda así, Sánchez recoñece que aprendeu "moito" ao longo do proceso de creación da biografía e que se hai algo que o sorprendeu foi "a gran habilidade de Seivane para arranxar todo tipo de cousas e a súa constante vontade de mellorar o instrumento galego, participando na súa elaboración desde o comezo ata o final". Tanto é así que "facía as propias ferramentas que hoxe se compran".

Un instrumento que viaxa fóra das fronteiras da man da neta, Susana Seivane, e da versatilidade da súa natureza. "A diferenza doutras gaitas, que non se poden utilizar en todo tipo de músicas, a galega si, ademais de que tanto vale para un afeccionado que queira tocar unha muiñeira nunha foliada, como para un profesional", asevera. É aí onde radica o futuro da gaita de Galicia, xunto á canteira de artesáns e de gaiteiros que hai, segundo opina Sánchez.

Así mesmo, o libro garda por escrito partituras inéditas de pezas musicais creadas polo propio Seivane —como a Muiñeira do Chao—, algunhas típicas da zona e outras aprendidas da súa nai, como a Muiñeira de Curuxeira. Todo grazas ás transcricións de Daniel Bellón e Pedro Lamas, "que fixeron un traballo moi rigoroso", di Xosé Manuel Sánchez, ao tempo que se mostra "satisfeito" do resultado, pese aos contratempos que sufriu un proceso que comezaba coa proposta que Pablo Quintana, director de Canela, lle facía aínda que "nunca antes me metera a fondo nesta temática".

Visto o resultado, con fotografías de Vicente Ansola incluídas, o seguinte obxectivo será o de presentar ao mundo a obra. Calculan que en xullo podería botar a andar unha xira que tería paradas obrigadas en Fonmiñá, no Chao do Pousadoiro e en Cambre, ademais de en Compostela, Lugo, A Coruña ou en Vigo.

Comentarios