José Mouriño Cuba: "Facer cousas que sexan útiles para o pobo é o maior recoñecemento"

O Concello vén de distinguir un dos seus veciños máis ilustres, un home "de acción" que traballou décadas para acadar unha ordenación da produción agraria que permitise unha industrialización que xerase emprego, crease riqueza e ata puidese ser un atractivo turístico
Mouriño Cuba, ante o Cristo Enxoito de Xermade. C. PÉREZ
photo_camera Mouriño Cuba, ante o Cristo Enxoito de Xermade. C. PÉREZ

O xermadés José Mouriño Cuba (Lousada, 1948) xubilábase en 2013 como xefe do Servizo de Calidade Agroalimentaria de Lugo, área que foi mudando de nome pero cuxos fins permaneceron e dende a que o seu equipo e el xogaron un papel clave no desenvolvemento de feiras, xornadas, denominacións... Este labor, xunto á súa produción literaria, os moitos recoñecementos ou ser un dos grandes embaixadores de Xermade son sobradas razóns para facelo merecente do nomeamento.

Tralo acto, que sensación queda?
Unha agradable, un séntese profeta na súa terra. Sempre hai amigos por aí que entenden o que un fixo e que demostran a amizade. Estou moi agradecido a todo o concello de Xermade.

Que se lle veu á mente ao saber que ía recibir esta distinción?
Nunca fun unha persoa que pensase niso, porque para min o máis gratificante sempre foi o recoñecemento do pobo, no sentido de ver cousas feitas. Para min importa a acción, ver feito e que iso sexa útil para o pobo, non para a galería. Ese é o maior recoñecemento, ver un rendemento. Son os feitos os que cambian as cousas e ese é o premio máis grande de todos. Do resto, o que veña, benvido sexa.

Que queda daquel neno de Xermade que non ía á festa para estudar ou vía emigrar os veciños?
Queda o resultado do que naquel momento se estaba aprendendo. Vía que no campo non se daba arrincado e un soñaba con facerse maior para arranxalo. E ía canso de escoitar penas. Aprendín deso e pensaba que había que facer algo para saír desa situación.

Que necesitan estes concellos pequenos, coma Xermade, para frear o despoboamento?
Eu procurei facer unha ordenación produtiva. Sempre haberá uns núcleos absorbentes e as súas raíces poden abarcar concellos próximos. Un exemplo sería Vilalba co queixo de San Simón, empezouse nunha parroquia co obxectivo de chegar a outras. No grelo, Xermade ten importancia no seu desenvolvemento, José Manuel Fraga foi un dos produtores pioneiros, estivo nos inicios da IXP. Nos concellos pequenos, se se busca a ordenación, hai máis opcións de que saian emprendedores. As denominacións serven de atracción, pero o importante é o que levan detrás, a industrialización da produción. E para iso é importante a ordenación da que falaba, para que non se solapen as producións en diferentes zonas. E cun enfoque a baixo custo, para que poida haber pequenos emprendedores e se distribúa a riqueza.

O abandono do rural, é un problema de falta de oportunidades ou ideolóxico?
Faltou programación. Cando eu estudaba falábase da poboación rural de Estados Unidos ou Suecia era dun 3%, aquilo parecía natural e a nivel político ninguén se parou a pensalo. É difícil, pero non se puxo a atención que había que poñer. Galicia reunía unhas condicións demográficas impresionantes para ter gran calidade de vida, facendo as correspondentes ordenacións, pero deixouse caer. Cando nós empezamos, hai 30 anos, xa viamos o da Galicia baleira e un dos obxectivos era que non se perdesen os produtos e industrializar para ocupar os ocos desa despoboación. E ademais, sempre pensando que esa era unha base estupenda para un modelo de turismo ligado á actividade.

Faría falta toda a folla para citar o seu currículo, de que se sente máis orgulloso?
De meterme en proxectos nos que a maioría da xente non cría e levalos a cabo. O currículo da igual, eu nunca quixen presidir nada e sempre pensei que sobran cargos e moita administración. O que hai é que responsabilizar a xente e tela concienciada para traballar.

Deume pena non rematar as denominacións da carne porcina; se estivesen activo sería o que faría 

Quedoulle algo pendente? Que faría se estivese en activo?
Buh! Se non quedasen cousas por facer, mal asunto. O que me deu pena non rematar foron as denominacións no mundo da carne: xamón, butelo, androlla e chourizo. Sacouse a do lacón, pero por si soa dá pouco de si. Se estivese en activo o primeiro que faría sería iso, o relacionado co porcino.

Arrepíntese de algo?
Non, porque a miña filosofía é a acción e ter resultados. Unha teima miña sempre foi deixar claro que no mundo da agricultura tamén hai cultura, porque daba a sensación, noutros tempos, que a cultura só era saber o Quijote de memoria e non é así. A gastronomía é un punto básico que enlaza a cultura coa agricultura.

En que ocupa a xubilación?
Paseime a asuntos sociais, porque temos xente con máis de 90 anos e hai que coidala. E sempre dixen que cando me xubilase o obxectivo era escribir e publicar, porque antes no tiña tempo, e neso estou, ademais do proxecto, no que están tamén os meus fillos, de recuperar pouco a pouco algún pobo baleiro.

Comentarios