A mostra 'Auga. O sangue da terra' pode verse en Guitiriz ata o 21 de xuño

As imaxes do fotógrafo Manuel Valcárcel, tomadas nos cinco continentes retratando a relación entre o ser humano e a auga, están expostas na Casa Habanera en virtude a un convenio entre o Concello e Afundación
Participantes na inauguración da mostra na Casa Habanera. EP
photo_camera Participantes na inauguración da mostra na Casa Habanera. EP

A Casa Habanera de Guitiriz acolle dende este xoves, día 26, ata o vindeiro 21 de xuño, a exposición Auga. O sangue da terra, obra do fotógrafo Manuel Valcárcel na que este realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante imaxes dos cinco continentes.

As fotografías recollidas neste proxecto, que teñen con obxectivo valorar a auga como elemento vital e mostrar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas, trasladan ao espectador a lugares tan remotos como Nova Zelandia, India, China, Níxer, o deserto de  Atacama ou a conca do lucense río Lor.

Esta exposición, que chega a Guitiriz da man dun convenio entre o Concello e Afundación, foi inaugurada coa presenza da alcaldesa, Marisol Morandeira; o coordinador Institucional de Abanca en Lugo, Óscar Rodríguez; a coordinadora institucional de Afundación en Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano; e a representante de Cáritas Diocesana, María Luisa Pérez Rosende. O grupo de pandeireteiras Na Casa Zoqueiro encargouse de poñer a nota musical ao acto. ‘

Auga. O sangue da terra pode verse de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de luns a xoves, tamén de 16.00 a 18.00 horas. A entrada é libre e gratuíta, aínda que se convida aos visitantes a achegar alimentos non perecedoiros que despois serán entragados a Cáritas, xa que esta mostra itinerante forma parte da iniciativa Cultura por alimentos, que Afundación leva a cabo en colaboración con Festabal (Federación Española de Banco de Alimentos).

Exposición 'Auga. O sangue da terra’, na Casa Habanera de Guitiriz. EP
Exposición 'Auga. O sangue da terra’, na Casa Habanera de Guitiriz. EP

Comentarios