Expogrelo, maioría de idade ao grande

A feira de Abadín cumpriu 18 anos con éxito de convocatoria. Un total de 18 produtores, con tres caras novas este ano, puxeron á venda 2.000 quilos do manxar protagonista e, malia os malos prognósticos, tinguiuno todo de verde
undefined
photo_camera Un momento da feira. C. ARIAS

Expogrelo cumpriu a maioría de idade e o protagonista, un símbolo xa do municipio chairego, resplandeceu co seu mellor verde para non desmerecer unha cita que demostrou unha vez máis que ten tirón e moito poder de convocatoria, tanto pola elevada afluencia de público como pola alta participación.

Un total de 18 produtores, tantos como anos cumpriu a feira, puxeron á venda arredor duns 2.000 quilos do manxar protagonista, que, pese aos malos prognósticos, finalmente tinguiuno todo de verde.

                      Arriba, produtores e representantes políticos. Abaixo, un momento da feira, Evangelina Cruña no posto premiado co primeiro galardón e batukada de Abadín.
Produtores e representantes políticos. C. ARIAS

"Todos nos queixabamos de que non había, pero as últimas semanas axudaron moito, sobre todo con estas últimas chuvias e estes días de sol", dicían os produtores mentres mostraban o tesouro verde das súas terras, de "excelente calidade", que esta vez chegou "case como un milagre", insistían, para "salvar a feira", e tamén moitos pratos.

Porque co sol como aliado, e nun recinto feiral de Gontán cun ir e vir de xente constante, as vendas foron continuas, tal como recoñecían os propios produtores e como reflectían os seus postos, cada vez menos verdes, e as bolsas deseñadas este ano para a comercialización dos grelos, cada vez máis cheas.

"Caramba se hai grelos! E é bo. É grelo, grelo, nada de nabiza", defendía Evangelina Cruña, unha das novas fichaxes da feira. A súa irmá, Esther, é unha das clásicas desta cita, pero ela sumouse este ano por primeira vez e fíxoo pola porta grande, co primeiro premio no concurso de decoración. Era unha reivindicación do rural con tractores pequeniños de xoguete en loita baixo o lema de que "o campo é vida".

A Evangelina sumáronse outras dúas caras novas este ano: Remedios Prieto e Chus Rego. Elas tamén asistiron este ano por primeira vez á feira. E a media mañá xa mostraban a súa intención de repetir en próximas edicións. "A cousa gustoume e se se pode para o ano repetirei", aseguraba unha, mentres entre risas as tres falaban de que podían colaborar xuntas.

"O balance é moi positivo. A feira foi moito mellor do esperado porque realmente houbo moi boa produción e ao final os greleiros e as greleiras fixeron un esforzo e trouxeron o seu mellor produto", explicaba Begoña Gaute, a tenente de alcalde de Abadín e concelleira de Medio Rural, minutos antes dunha das tradicións da feira: a entrega de premios aos postos mellor decorados, na que Marisol Grandío e Armando Souto sumáronse ao galardón a Evangelina Cruña.

                      Arriba, produtores e representantes políticos. Abaixo, un momento da feira, Evangelina Cruña no posto premiado co primeiro galardón e batukada de Abadín.
Evangelina Cruña no posto premiado co primeiro galardón. C. ARIAS

No acto, no que participaron moitos e moi variados cargos políticos -este ano estiveron presentes, entre outros, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; o subdelegado de Defensa en Lugo, Juan José Fernández Arrojo, ou o deputado do PP no Congreso Francisco Conde- tamén se concederon vales de 50 euros para todos os produtores, que poderán canxear no comercio local.

                      Arriba, produtores e representantes políticos. Abaixo, un momento da feira, Evangelina Cruña no posto premiado co primeiro galardón e batukada de Abadín.
 Batukada de Abadín. C. ARIAS

Aos grelos, que tamén puideron degustarse na propia feira cun menú a base dun cocido tradicional que moitos escolleron, sumáronse outros postos de alimentación e artesanía. A música, con batukada incluída e unha sesión vermú longa e intensa, foi a outra aposta para celebrar os 18 anos de vida de Expogrelo.

Comentarios