Expogrelo enche este sábado de sabor o recinto feiral de Abadín

A cita chairega, que cumpre a súa decimoquinta edición, pon á venda 2.000 quilos do protagonista dos pratos de Entroido
Expogrelo, en Abadín. MARÍA ROCA
photo_camera Expogrelo, en Abadín. MARÍA ROCA

O municipio chairego de Abadín pode presumir de ter unha gran feira  ao redor do grelo. Un manxar que volverá a tinguir de verde o recinto feiral de Gontán este sábado, día 22, coa decimoquinta edición de Expogrelo.

Os inicios deste evento, que xa está completamente consolidado no calendario festivo da vila, remóntanse ao ano 2006, cando dende o Concello decidiron apostar por promover un evento monográfico cun dos seus produtos máis recoñecidos e saborosos.
As características da montaña de Abadín e o seu clima confiren nesta hortaliza un sabor suave e dunha excelente calidade, segundo destacan os expertos, e que ademais é valorada ano tras anos por centos de curiosos que non dubidan en achegarse ata estas terras para saborear o ouro verde.

Un produto que dende o 2011 conta coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP) —estreou o distintivo na quinta edición da feira—, o que lle engade un punto extra a unha cita que non busca competir con outras, senón máis ben seguir crecendo ano tras ano por ela mesma. 

O XV Expogrelo contará este sábado, día 22, coa participación dunha vintena de produtores e ao redor de 40 postos de artesanía e doutros artigos, que se repartirán nas distintas instalacións municipais do recinto feiral de Gontán. 

O programa arrincará coa apertura destas instalacións ás 10.00 horas —unha hora antes repartiranse os stands e numeraranse as cestas de grelos—, e proseguirá coas degustacións, ao redor das 12.30 horas.

Nesta ocasión, tal e como avanzou o rexedor, Xosé María López Rancaño, haberá novidades en canto ao menú da feira. San Briz da Pontenova, o clásico restaurante que preparaba o caldo de grelos que cada ano se servía neste evento, pasará a sorprender os padais máis esixentes cun cocido, no que o grelo tamén terá un papel protagonista.

A xornada, na que ademais de saborosos produtos tamén haberá animación musical, completarase coa recepción ás autoridades, prevista para as 13.00 horas, un chisco antes de que estas comecen a cualificar as cestas e se proceda á entrega de premios aos produtores.

"Este ano non houbo moita cantidade, non foi un ano especialmente bo, pero aínda quedan uns días para a feira e seguro que haberá un produto excelente", asegura o alcalde, quen anima a veciños e a visitantes a participar nunha xornada onde todo xirará en torno a este verde manxar.

Segundo a previsión municipal, cada produtor porá á venda no recinto feiral de Gontán un total de 100 mollos, polo que ese día se despacharán uns 2.000 quilos deste elemento imprescindible en moitos dos pratos típicos de esta época.

Comentarios