Exitoso estoupido de troula veciñal

O campo da festa de Boizán acolleu a 500 asistentes na segunda edición da Festa da Xuventude entre Aldeas

"Un éxito rotundo". Así cualificou a comisión organizadora da Festa da Xuventude entre Aldeas, unha multitudinaria cita que se celebrou onte nun campo da festa de Boizán ateigado de mozos e non tan mozos procedentes desta e das parroquias vilalbesas de San Bartolomeu de Insua, San Xoán de Alba e A Torre.

A case unha semana de celebrarse o evento, que tan só suma dúas edicións, xa estaban esgotados os tickets do ágape de irmandade. "Foi incrible, agotouse todo moi rapidamente e porque non había prazas para máis xente, senón habería máis seguro", comentaban onte os promotores da festa cun sorriso de satisfacción polo traballo ben feito.

A cita organízase entre as parroquias vilalbesas de Insua, Alba, Boizán e A Torre

O estoupido de troula desta segunda Festa da Xuventude entre Aldeas arrincou cunha animada sesión vermú, que se prolongou ata case as catro da tarde, momento no que os asistentes tomaron asento para degustar un menú a base de polbo á feira con cachelos, xamón cocido e churrasco mixto.

Unha boa enchenta para resistir unha xornada maratoniana e inesquecible. E é que ademais de bailes, charlas e risas, tamén houbo actividades para os máis pequenos, coa instalación dunha colchoneta gratuíta, ao que se sumou un sorteo de agasallos entre todos os asistentes.

A cita continuou con música, a que puxeron sobre o escenario a orquestra Alaska e o dúo Merixel, que fixeron as delicias dos presentes interpretando cancións de hoxe e sempre.

Os promotores xa anuncian que haberá terceira edición e que será en Insua

"Estamos moi contentos co resultado e co bo ambiente da festa. A xente tiña moitas ganas de celebrar e así o estamos facendo", apuntaban dende a organización, que xa están pensando no próximo ano.

"E que a xente teña claro que haberá unha terceira edición e que será en San Bartolomeu de Insua", confirmaban os promotores dunha iniciativa que xa está máis que asentada no calendario festivo de Vilalba.

E para os que non poidan esperar a dentro dun ano, xa hai opcións á vista. "Temos con nós aquí aos amigos de Noche, que xa están preparando a súa festa para o 14 de abril", afirmaron dende a comisión, que cren que estas iniciativas son fundamentais para "a unión veciñal no rural".

Comentarios