Euroeume, na defensa do local

A asociación pontesa, que actúa nos cinco concellos da comarca do Eume, leva case tres décadas impulsando actividades e proxectos
Nerea Allegue, Nuria Fernández y Ángel Lorenzo, técnicos de la asociación, en la oficina de Euroeume de As Pontes. C.Arias
photo_camera Nerea Allegue, Nuria Fernández y Ángel Lorenzo, técnicos de la asociación, en la oficina de Euroeume de As Pontes. C. ARIAS

Naceu hai case tres décadas e transformouse co paso do tempo, pero sempre dende a mesma idea e coa mirada posta no mesmo lugar: a defensa do desenvolvemento local. A asociación pontesa Euroeume, unha entidade sen ánimo de lucro declarada de interese público, naceu no ano 1996 como grupo de acción local e reinventouse en 2015 coas novas demarcacións dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) para iniciar un novo camiño, pero partindo da mesma filosofía: "Desenvolver as cousas de abaixo a arriba".

"Levounos un tempo asentarnos", recoñecen, mentres falan dun traballo, moitas veces silencioso, que ten moitas patas e abarca moito e que está centrado "nun desenvolvemento sostible baseado nas potencialidades do territorio, que, ademais da dimensión económica, contemple o benestar social e a conservación da natureza, partindo desde unha perspectiva ecofeminista".

Ángel Lorenzo, Nuria Fernández e Nerea Allegue son os técnicos de Euroeume, que ten as súas oficinas no edificio administrativo localizado na antiga estación de buses. Dende alí impulsan o seu plan de acción, que este ano incluíu once programas baseados en tres áreas de traballo: a soberanía alimentaria, a custodia do territorio e coidados e comunidade.

"Cando fundamos Euroeume tivemos a coraxe de acceder ao programa Proder, que logo foron o Leader e o Leader+", recorda o presidente de Euroeume, José Castro. E xestionaron moitos fondos europeos para acompañar a emprendedores a dar forma a moitos e variados proxectos na comarca do Eume. Pero en 2015 a Xunta reestrutura os territorios e unifica Ferrol, Eume e Ortegal no que hoxe é o GDR Seitura 22 e Euroeume queda fóra do reparto.

Actualmente a entidade pontesa, que traballa nos concellos de Pontedeume, Monfero, As Pontes, A Capela e Cabanas, continúa a ser parte clave de Seitura 22 –"colaboramos a tope con eles", recoñecen os técnicos– pero dende hai tempo tamén ten vida propia.

Está formada por 42 colectivos, entre os que se inclúen asociacións, cooperativas, sindicatos e os concellos de Pontedeume, Monfero, As Pontes, A Capela e Cabanas 

Finánciase coas axudas do IRPF e conta cun orzamento anual que ronda os 120.000 euros, con 90.000 que chegan do IRPF, 20.000 de cotas municipais e de socios e o resto de axudas de igualdade da Deputación da Coruña. Porque Euroeume é unha asociación de asociacións, que está formada por 42 colectivos, entre os que se inclúen asociacións agrarias, de veciños, culturais, medioambientais, cooperativas, sindicatos e os cinco concellos da comarca do Eume. "Partindo dos principios de portas abertas e pluralidade, na xunta directiva atopamos unha ampla representación da sociedade civil", destacan os técnicos.

Dentro das actividades, dende Euroeume mantéñense antigos proxectos e lánzanse novas propostas. Así, están intentando darlle novas forzas á Agroalimentaria do Eume, para poñer en valor os pequenos produtores, e xa converteron unha das novidades, o programa de igualdade Enraízadas, que financia a Deputación da Coruña e se centra no papel da muller rural, "nun dos eixos vertebradores da asociación".

"Levamos con él tres anos. Facemos divulgación, concienciación, traballos con colexios, promovimos unha exposición, varios vídeos...", explican os técnicos. Este ano o tema central foi a soberanía alimentaria para fomentar o desenvolvemento do sector primario e da agroecoloxía, a alimentación sostible e saudable e proxectos relacionados coa compostaxe dos residuos.

Entre outras accións, publicaron guías de consumo responsable, fixeron diversos cursos e colaboran con Seitura 22 nos Ecocomedores, unha iniciativa que o ano pasado se levou a cabo na Escola Infantil A Barosa das Pontes.

Para o ano que vén o obxectivo é centrarse na área de custodia do territorio, desenvolvendo proxectos relacionados coa conservación, o coñecemento e a posta en valor do patrimonio natural e cultural do territorio. Nese contexto, impulsan un inventariado dos cogomelos no Forgoselo, como xa fixeron outro botánico na ruta do Sesín, na Capela, e participan no Proxecto Ríos de Adega con limpezas e avaliacións ambientais.

Na área de Coidados e Comunidade, a parte que case leva todo o financiamento, hai proxectos orientados á dinamización comunitaria, tanto das persoas como das entidades, á recuperación e á conservación dos saberes e da memoria do territorio, ao empoderamento comunitario e aos autocoidados. 

Aquí encáixanse iniciativas como os puntos violeta arcoiris que achegan aos centros educativos, os hortos e composteiros nos colexios, o programa Coidándonos, a publicación do próximo libro sobre saberes dos maiores de Monfero ou o a creación do Consello Escolar da Infancia, unha figura de mediación grupal para os centros educativos "para que poidan manifestar as súas necesidades e tomar decisións".

Tres GDR na zona
A Asociación Seitura 22 constitúese o 29 de marzo de 2016 como Grupo de Desenvolvemento Rural e ten como ámbito de actuación os concellos das comarcas do Eume, Ferrolterra e Ortegal, ademais de Miño e Vilarmaior.

O cambio nas demarcacións dos GDR tamén afectou aos chairegos. No GDR2 Terra Chá, creado o 7 de xullo de 2008, sumouse Riotorto aos nove que xa había: Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Vilalba e Xermade.

Meira, Pol e Ribeira de Piquín enmárcanse no GDR3 Montes e Vales Orientais, que ten como ámbito de actuación 13 concellos da provincia de Lugo. Tamén se inclúen Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, A Fonsagrada, Láncara, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Pedrafita do Cebreiro e A Pontenova. Constituíuse o 19 de maio de 2016. 

Comentarios