Esteban Iglesia: "Tiña esta data do calendario marcada en vermello"

O fondista pastoricense fíxose co Campionato Xunta de Galicia absoluto de campo a través e comezou así da mellor maneira o novo ano, nunha disciplina na que se iniciou xa de neno a nivel escolar
Esteban Iglesia no campeonato galego de cross. EP
photo_camera Esteban Iglesia no campeonato galego de cross. EP

Meta cumprida para Esteban Iglesia no campionato galego de campo a través, no que se alzou co primeiro posto nunha carreira á que lle tiña moitas ganas. O atleta pastoricense fíxose co ouro cun tempo de 33.35 minutos e arrancou o ano da mellor maneira posible no ámbito competitivo, gañando un dos campionatos que tiña entre cella e cella dende o inicio da súa preparación de cara a esta tempada.

Como foi o campionato?
Era unha das datas que tiña marcadas en vermello no calendario, xa que nunca gañara o Galego de campo a través a pesar de que o ano pasado quedei segundo, a moi pouco do ouro. Plantexei a carreira fixándome nas miñas virtudes, vendo que eu son de largas distancias e os meus rivais directos eran máis de curta, e decidín apertar dende o principio e atacar xa na primeira volta e marchar en solitario. Isto fíxome chegar ben á meta e asegurarme o primeiro posto, con moi boas sensacións. 

Que sentiu no momento no que cruzou a meta e conseguiu o seu obxectivo?
Preparara a carreira con moito agarimo, e fíxome moitísima ilusión gañar, foi unha satisfacción moi grande alzarse coa vitoria, posto que é o campionato galego que máis repercusión ten para todos os atletas.

Cambia moito a súa preparación para as competicións de campo a través?
Para esta disciplina o traballo é algo máis de base, de pretempada. Ximnasio, facer costas e acumular moitos quilómetros. Isto faise para resistir a dureza do campo a través, e tamén para que quede de base para o resto da tempada, cando veñen as citas nas outras disciplinas. Son adestramentos longos con máis carga de traballo. É máis traballo a menor intensidade, metendo moitas horas.

Compenetrar varias disciplinas ao longo da tempada é complexo?
A tempada dun fondista consta de tres disciplinas: pista cuberta, cross e aire libre. O que pasa é que a pista cuberta e o cross fanse á par, entre novembro e febreiro. É complexo de compaxinar, porque se te centras nunha descoidas algo máis a outra. Eu son polivalente, pero adícolle algo máis ao campo a través.

Antes do Galego, participou en máis carreiras de cross?
Este ano só competín noutra antes, no mes de novembro en Atapuerca, en Burgos. Non fora a máis porque Galicia non adoita ter moitas carreiras de campo a través de alto nivel, e porque a min gústame chegar ao gran obxectivo da tempada sen moita competición, ao revés da maioría dos atletas, que compiten varias semanas antes de competir nas grandes citas.

E como lle foi nesa carreira?
Tivera sensacións moi positivas a pesar de que aínda estabamos en período de moita carga de adestramento, e non tiña a forma que tiven agora no Galego. A pesar diso acadei un bo posto e, para ser en novembro, recordo que acabara contento.

Que metas se pon de cara a este novo ano?
Quero correr un dez quilómetros en ruta para facer unha marca que estea por debaixo dos 30 minutos. Máis a longo prazo, de cara a xuño e xullo, o meu obxectivo será correr os 5.000 metros en pista, mellorar a marca do año pasado e estar sobre 14.10.

Comezou moi ben o novo ano, acadando bos resultados. Chega ben en relación a outros cursos?
A parte de gañar o galego de cross, fun subcampión galego de 3.000 metros en pista cuberta, e a verdade é que estas primeiras carreiras servíronme para reafirmarme no alto do atletismo galego e gañar confianza.

Que consello lles da aos máis novos que comezan no cross?
Poñerse pequenas metas e non desanimarse cando chegan malos resultados, que son parte do deporte. E valorar moito os amigos, as viaxes e as experiencias. 

Comentarios