"Estamos moi contentos co arranque, xa temos bastantes clientes fieis"

Os propietarios da multitenda Arimo de Meira, Mónica e Ricardo, expresan a súa satisfacción coa acollida que tivo o negocio
Ricardo y Mónica, propietarios de la tienda Arimo. EP
photo_camera Ricardo e Mónica, propietarios de Arimo. TEÓFILO LÓPEZ

"Dábanos bastante respecto emprender, pero tomamos a decisión e non miramos atrás".. Así explican Mónica e o seu marido Ricardo os inicios da multitenda Arimo, un establecemento dos "de toda a vida" que incrementa a oferta de Meira.

"Estamos empezando aínda, pero xa notamos bastante melloría", explica Mónica. Por iso, tras unhas primeiras semanas de toma de contacto co negocio (ela traballaba nunha asesoría e Ricardo, no sector da construción), o matrimonio confésase "moi contento co arranque. Xa imos tendo bastantes clientes fieis".

E non é de estrañar, porque en Arimo pódese atopar case calquera produto. Céntranse nos de alimentación e hixiene, pero tamén os hai de limpeza e coidado do fogar. "É unha tenda pequena, iso é certo, pero nós intentamos ter un pouquiño de todo", destaca Mónica. E así, van desde o básico, como "a pasta, as galletas ou os conxelados", ata as colonias ou as toallas e os panos que lles traen directamente de Portugal. "Ricardo é de alí, son produtos de gran calidade e gústanlle moito á xente", conta.

Os clientes que queiran achegarse ata Arimo poden facelo na Avenida de Lugo, número 63 de Meira. Alí, Mónica e Ricardo atenden de luns a venres en horario de 9.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00. Os sábados, domingos e festivos tamén están abertos, aínda que en horario reducido, de 10.00 a 14.00.

Comentarios