Unha aprendizaxe sen fronteiras

"En Estados Unidos valórase moito máis o emprendemento"

O proxecto iTechTerm levou ao cospeités Elio López a California, para coñecer de primeira man novos tratamentos para o gando bovino e ata experimentar coa súa propia creación, realizada con Daniel Pardo e Óscar Guasch

Elio López. EP
photo_camera Elio López diante da secuoia Xeneral Sherman, a árbore máis grande do mundo. EP

Unha idea nacida entre amigos levou a Elio López, veciño do Arneiro, en Cospeito, e estudante de Veterinaria na USC, a explorar o "berce tecnolóxico e empresarial do mundo", tal e como define Silicon Valley. Meses despois, experimentaba co seu proxecto —creado con Daniel Pardo e Óscar Guasch— en explotacións de California.

ITechTerm é un sistema que segue a tempo real a temperatura do animal a través dun sensor subcutáneo, podendo facer un primeiro diagnóstico das posibles patoloxías que sufra. A innovación do proxecto foi premiada cos galardóns Explorer e IdeaLugo, que máis alá do premio en si, "significan moito porque ves que hai xente que cre no proxecto", puntualiza.

ITechTerm é un sistema que segue en tempo real a temperatura do animal a través dun sensor, podendo detectar posibles patoloxías

En novembro viaxaba a Silicon Valley con outros 53 emprendedores do país e a comezos deste ano realizaba as prácticas en Tulare, California, onde probaron "novos tratamentos e suplementos alimenticios en granxas de máis de 7.000 vacas en muxidura", detalla, impresionado ao ver "explotacións tan grandes e ben organizadas".

Elio López, que fai fincapé no "Galicia sempre en mente", anima a saír a outros países. No seu caso, puido comprobar en primeira persoa que en Estados Unidos "o emprendemento está moito máis valorado, hai moita máis xente que cre e invirte diñeiro nos emprendedores", pero non perde a esperanza, xa que "aquí non estamos empezando nada mal". Ao final, "como en Galicia en ningún sitio", remata.
 

Un traballo innovador
O cocreador de iTechTerm explica que o proxecto vai "retrasado respecto ás previsións", pero aclara que contan "con avanzar moito nos próximos meses". En California puido ver a súa efectividade no diagnóstico precoz da mastite e, á espera de recibir os resultados, a priori "son moi bos", afirma.

Comentarios