Esperanza Rivas sopra 106 candeas en Abadín

Esta veciña de Castromaior celebrou tan especial data coa súa familia cunha comida á que tamén asistiu o alcalde, quen lle entregou unha praca que a acredita como a avoa do municipio
O alcalde abadinés e o concelleiro José Ramón Ramil non perderon a celebración de Esperanza Rivas.
photo_camera O alcalde abadinés e o concelleiro José Ramón Ramil non perderon a celebración de Esperanza Rivas. S.IGLESIA

Superar a barreira dos cen é algo do que poucos poden presumir, pero chegar aos 106 "sentada detrás da cociña" só é para aqueles de xenes únicos. E a abadinesa Esperanza Rivas Carballido pertence a ese selecto club.

Rodeada de dous dos seus fillos e da súa nora, esta veciña de Castromaior soprou onte as candeas que a acreditan como a avoa de Abadín. Fíxoo cunha pequena celebración na que tamén quixo estar presente o concelleiro, e veciño seu, José Ramón Ramil, e o alcalde, José María López Rancaño, quen lle fixo entrega dun ramo de flores, unha torta e unha praca que homenaxea a especial data.

Non é o primeiro recoñecemento que lle dan a Esperanza, quen xa aos cen recibiu unha medalla por parte do municipio de Tordera, en Barcelona, onde residiu desde a morte do seu marido ata hai case tres anos. Pero a historia desta lonxeva muller vai máis alá.

"Pasou a Guerra Civil, dúas guerras mundiais e a ver se non a colle a terceira", bromea o seu fillo Julio, quen fai de voz dos recordos de Esperanza. Nacida en 1916 en Galgao (Abadín), só tiña a súa nai e a súa irmá e con elas pasou a infancia ata que o tifo llas arrebatou con 15 días de diferenza e cando só contaba oito anos.

O destino fixo que aos dez acabase na casa de Enrique da Barrala, que por aquel entón tiña taberna e estanco, o que lle permitiu atopar un fogar e un traballo.

Coas ensinanzas de Baselisa aquela nena aprendeuno "todo", tamén cociña, e detrás daquela barra coñeceu a Argimiro Debasa, quen anos despois se convertiría no seu home e co que tería catro fillos: Julio, que chegaba o 25 de xullo de 1950, dous anos despois de casar; Rosa, Ricardo e Emilia.

Fixeron a súa vida en Castromaior, no barrio das Paredes, pero a ansia por unha vida mellor levou a familia a Niza. Primeiro Argimiro, logo Julio e pouco a pouco o resto, mentres Esperanza se encargaba do coidado da súa sogra e dos labores do campo ata que acabou viaxando a terras francesas para botar alí unha década, traballando boa parte do tempo na cociña dun restaurante.

Non foi o seu último destino, xa que tras a morte de Argimiro trasladouse a vivir a unha Barcelona da que quixo regresar en canto puido. "Estaba moi contenta con volver á súa casa", lembra o seu primoxénito, que recorda que "con cen anos aínda montou no avión" e que define a Esperanza como "boísima, a máis cariñosa e tranquila".

Quen sabe o segredo para chegar a eses anos, pero para esta centenaria abadinesa os ingredientes son erguerse "non máis alá das nove e media" logo de durmir doce horas, comer de todo e conservar o sorriso, aínda que os seus recordos estean xa nubrados.

Comentarios