ESPECIAL FIN DE ANO: ABADÍN

A esperada residencia de Abadín, máis cerca

Xunta e Concello financian un proxecto con 44 prazas e un orzamento de 2,3 millóns, cuxas obras comezarán en 2024
<p>Edificio que albergará a futura residencia de Abadín. M.MANCEBO</p>
photo_camera Edificio que albergará a futura residencia de Abadín. M.MANCEBO

A esperada residencia de maiores de Abadín está cada vez máis cerca. O Concello e a Xunta financiarán este proxecto, que conta cun orzamento de 2,3 millóns de euros —o 50% dos fondos sairán da Consellería de Política Social e o 50% restante das arcas municipais—, e cuxas obras poderían iniciarse a principios de 2024.

Son as previsións que traslada o rexedor abadinés, José María López Rancaño, quen explica que a idea é "conservar a estrutura" dun edificio que se levantou como instituto e que actualmente só se emprega como salón de actos do Ceip Aquilino Iglesia Alvariño, ademais de construír outro "cunhas dimensións similares".

"O novo centro asistencial ofrecerá un total de 44 prazas", engade o rexedor, precisando que na planta baixa dos dous inmobles se  instalarán a sala de convivencia, a cociña, o comedor, a sala de administración e dirección, unha sala polivalente, aseos, almacéns, sala de mantemento e vestíbulo.

A nova residencia completa a oferta asistencial do Concello, que inclúe un centro de día e un SAF con 150 usuarios

Na planta alta habilitaranse un total de 22 habitacións dobres con baño con servizos satélite, como unha sala de descanso ou unha terraza.

"A xestión da residencia será municipal, aínda que despois teñamos que subcontratar algún dos servizos", confirma López Rancaño sobre o funcionamento dunha instalación que é "moi demandada polos veciños".

E é que a futura residencia de Abadín virá completar a oferta asistencial nun municipio que tamén dispón de centro de día, xestionado polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Consellería de Política Social, que conta cuns 40 usuarios, e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), con 150 e casi medio centro de traballadoras.

Nova rúa

Dentro do mesmo proxecto, o Concello de Abadín abriu este verán unha nova rúa que une a casa consistorial coa futura residencia de maiores, converténdose no seu acceso principal.

A xestión da residencia, que contará con 22 habitacións dobres, será municipal

Para poder abrir esta nova rúa, o goberno local adquiriu unha finca dunhas oito hectáreas de terreo, cortou algunhas árbores e acondicionou a zona para crear un vial duns doce metros de ancho que se cubriu con zahorra, para o que se destinaron arredor de 30.000 euros.

Na próxima fase, contémplase a construcción de beirarrúas nunha nova avenida que se dotará con iluminación pública, traída municipal e alcantarillado. 

O Concello tamén aproveitou os novos terreos para crear un espazo de aparcamento, que dá servizo á casa consistorial, pero tamén á residencia, e nun futuro planea crear unha zona de ocio.

Comentarios