ESPECIAL A CHAIRA

Espazos mellorados para gozar do ocio en Begonte

Este ano completouse a rehabilitación da cámara agraria e a pista de pádel, que conta con nova cuberta, dotarase de vestiarios

A nova cuberta de pádel de Begonte
photo_camera A nova cuberta da pista de pádel de Begonte. EP

Os veciños de Begonte contan dende este ano con espazos renovados para gozar do tempo de ocio, tanto no eido cultural coma no deportivo. A apertura da antiga cámara agraria totalmente rehabilitada para albergar todo tipo de cursos e actividades culturais e a dotación dunha nova cuberta para a pista de pádel son dous dos proxectos impulsados polo Concello que xa están rematados para o uso e desfrute dos begonteses.

O goberno local apostaba hai xa uns anos por adquirir a antiga cámara agraria, un céntrico edificio que ofrecía grandes posibilidades pero se atopaba case sen uso —o Concello dispoñía do baixo como almacén e garaxe—, deteriorándose pouco a pouco, sobre todo por danos na cuberta. O Concello acordou comprarlle á Xunta o inmoble por uns 40.000 euros, que abonou en catro anualidades. Xa no ano 2016 elaboraba un proxecto de rehabilitación, cun orzamento que rondaba o medio millón de euros, e comezaba a busca de axudas para afrontar o arranxo do edificio.

"Ao longo deste tempo destinamos todo tipo de axudas á súa rehabilitación. Do plan provincial, do GDR, do Idae ou obradoiros de emprego", enumera José Ulla, rexedor local, quen precisou que grazas a estas achegas as arcas municipais non tiveron que afrontar por completo o gran desembolso que supoñía o arranxo do edificio.

As actuacións de rehabilitación consistiron no baleirado interior do inmoble, a adecuación dos novos espazos ou a dotación das novas instalación eléctricas e de fontanería. Procedeuse ademais a instalar unha caldeira de biomasa e á dotación do mobiliario necesario para darlle uso aos nove novos locais resultantes do reparto dos dous andares superiores. "A idea é que poidan usalos as asociacións e tamén acoller actividades. Deste xeito na cámara agraria xa se imparten cursos, obradoiros de pintura, manualidades, memoria ou informática,entre outros", sinala o rexedor quen apunta a importancia desta obra "que permitiu centralizar todas as actividades nun só edificio para maior comodidade dos nosos veciños". 

A última fase da rehabilitación do inmoble será dotalo de ascensor, unha actuación que está previsto levar a cabo o próximo ano.

DEPORTE. O goberno local tamén aposta por impulsar o deporte no municipio e para iso mellorou as instalacións da pista de pádel. As obras contaron cun orzamento de preto de 50.000 euros, o 58% sufragado pola Xunta e o restante 42% polo goberno local. En 2020, a localidade estreaba estas instalacións, renovadas este ano 2021 coa cuberta. Daquela, o convenio entre Xunta e Concello contou cun orzamento de 25.000 euros, sendo o 80% achegado polo Goberno galego e o 20% polas arcas municipais.

A pista de pádel, un deporte en auxe nos últimos anos, foi unha das dotacións máis demandadas en Begonte. Trátase dunha pista regulamentaria, construída ao aire libre, que dispón de iluminación led para prolongar as horas de uso. Agora, grazas a súa cuberta, poderá ser utilizada mesmo nos días de choiva. "A instalación desta cuberta, nun territorio como o lucense no que estamos acostumados ás inclemencias meteorolóxicas, supón que os nosos veciños poidan realizar a práctica deportiva nas mellores condicións", recalca José Ulla, quen avanza que para o próximo ano está previsto dotar o contorno de vestiarios, "que serán instalados polos alumnos dun módulo do obradoiro de emprego a comezos do próximo ano", conclúe o dirixente local.

Comentarios