miércoles. 20.01.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.01.2021
El tiempo

Espazos de lecer para a infancia no rural en Xermade

Parque infantil de Roupar. C.PÉREZ
Parque infantil de Roupar. C.PÉREZ

O Concello apostou por instalar áreas de xogos nas parroquias de Piñeiro e Roupar, e prevé a mellora integral do parque xermadés

Un espazo de lecer para os pequenos, pero sen esquecerse daqueles que os acompañan. E ademais, no rural, para dinamizar e ofrecer servizos alí onde se precisan. Así ideou o Concello de Xermade os dous novos parques infantís que habilitou en Piñeiro, hai xa máis dun ano, e en Roupar, practicamente a estrear.

A súa instalación, igual que as realizadas nos últimos anos en Candamil ou en Momán, dan cobertura a unha necesidade veciñal. "Hai un grupo de nenos en cada parroquia e tanto os pais coma os avós demandaban ter un lugar con xogos", precisa o alcalde, Roberto García, sobre estes proxectos desenvolvidos con fondos propios.

Así, á creación da área de xogos en Piñeiro, localizada no lugar da Panda, destináronse 10.254,02 euros sufragados con cargo ao superávit do exercicio 2017. Este orzamento permitiu habilitar a nova instalación nun espazo a carón do local social, pechado con malla metálica e no que se instaron un tobogán, dúas randeeiras e un balancín, así coma unha mesa de madeira con bancos.

En 2020 habilitouse o parque infantil da Criba, en Roupar de Abaixo, que se financiaba con cargo ao superávit do exercicio 2018, cun investimento de 15.943,38 euros. O espazo pechouse perimetralmente cunha valla de cores, no lugar onde se celebra a Festa dos Callos. Un banco e unha papeleira completan a zona de xogo que dispón dun tobogán, dúas randeeiras e dous balancíns.

O Concello quere seguir apostando pola infancia, polo que xa ten deseñado un novo proxecto para mellorar o parque infantil de Xermade, localizado nas inmediacións do colexio, entre a biblioteca pública e o polideportivo municipal, que prevé executar ao longo do ano 2021.

O orzamento reservado para esta fin ascende a 10.035,45 euros, procedentes dos fondos que lle corresponden ao municipio do plan único da Deputación Provincial de Lugo do ano 2020. A actuación prevista inclúe a renovación tanto dos xogos infantís, dado o mal estado no que estes se atopan, coma do chan existente, que será substituído por outro de caucho.

No tocante aos elementos que se incluirán nesta área de lecer, está previsto dotala dunha randeeira cun asento tipo cuna, dun conxunto de tobogán, randeeira e ‘trepa’, dun balancín dunha praza e doutro con espazo para catro menores.

De igual xeito que xa se fixo no novo parque infantil de Roupar, colocarase un panel indicando as normas de uso e de acceso ao recinto, incluíndo tamén os números de teléfono de urxencias. 

Espazos de lecer para a infancia no rural en Xermade
Comentarios