Espazos para o atraer o turismo

A nova área de autocaravanas e o seu contorno natural resultaron clave para sumar visitas. O Concello acondicionou o parque Profesor Río Barja e prevé reabrir o Muíño en breve
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Parque Profesor Río Barja. TURISMO DE MEIRA

Neste 2020 que acaba de tocar ao seu fin, cambiaron moitas cousas, entre elas, a forma de facer turismo. "Houbo un cambio significativo nas tendencias turísticas, afastándonos dos lugares masificados e de destino habitual e pasando a descubrir a nosa contorna máis próxima, o sendeirismo por camiños menos transitados, os montes e recantos nos que nunca antes reparáramos e, en xeral, o turismo de interior, de natureza e de proximidade", explican dende a oficina de turismo de Meira.

E é que este concello non foi alleo a este efecto e, aínda que rexistrou menos visitas ca outros anos, si notou un repunte no turismo procedente de Galicia, para o que foron clave non só espazos naturais coma o Pedregal de Irimia, tamén a nova área de autocaravanas, inaugurada en 2019.

A área de autocaravanas, con oito prazas, atópase a carón do parque Profesor Río Barja e moi preto do PAC de Meira

"As oito prazas das que dispón nalgún momento ata se quedaron escasas, porque foron moitas as familias e as parellas, sobre todo, que escolleron o turismo de caravanas para poder saír da casa dun xeito seguro, facendo a súa propia burbulla con rodas", din desde o servizo municipal, puntualizando que estes visitantes ofreceron "boas valoracións" da nova área, o que os leva a pensar que seguirá a ter demanda no futuro.

A isto contribúen non só as propias instalacións, senón tamén a súa localización. Atópase a carón do parque Profesor Río Barja, un espazo natural que ofrece a posibilidade de camiñar á beira do Miño ao longo de 1,5 quilómetros, con zonas de descanso ou unha gran variedade árbores.

"Arranxáronse fai pouco o pavimento do paseo e o escudo da vila que decora o chan, e en breve volverá abrir de novo o mesón anexo ao restaurado Muíño de Pedreira", precisan dende o Concello. Destacan tamén que a proximidade do PAC de Meira é outro punto que suma a favor do éxito que está a ter esta área de autocaravanas, que tamén se beneficia da posición estratéxica de Meira.

Área de autocaravanas de Meira. TURISMO DE MEIRA

A oficina de turismo estreará en 2021 un local máis accesible na casa do concello
Á oficina de turismo de Meira e a toda a xente que a visita ao longo do ano os Reis Magos vanlle traer un agasallo: un novo espazo para acubillala, "máis visible e de fácil acceso", tal e como salienta o alcalde, Antonio de Dios.
Logo de 17 anos nun local da Praza do Convento, acondicionado en 2002 e posto en funcionamento en 2003, o servizo trasladarase en 2021 ao gran edificio de Meira que hoxe alberga as dependencias municipais e que antigamente foi mosteiro Cisterciense, un histórico inmoble que foi declarado Monumento Nacional en 1931 e que é "visita obrigada para todo amante do turismo cultural", como indica Yoani Jartín, a responsable da oficina de turismo meirega dende hai 14 anos.
A oficina de turismo pechaba as súas portas o venres 18 e aproveitará estas vacacións de Nadal para efectuar o traslado á súas novas instalacións, un local no baixo da casa consistorial, con acceso directo dende a céntrica Praza do Concello, que abre ao público o día 7 de xaneiro. 
Este espazo foi acondicionado recentemente, no marco dunha actuación de mellora de accesibilidade na casa do concello, que incluíu a dotación dun ascensor, adaptando así este emblemático edificio "ás necesidades e á modernidade dos tempos que corren, pero sen perder a súa esencia monumental", destacan dende o goberno local.

 

Comentarios