Recunchos a descubrir

Club fluvial de Baamonde: Espazo de ocio estival para gozar todo o ano

Ao carón do río Parga, apenas a uns centos de metros do núcleo urbano, fundábase hai máis de catro décadas esta entidade que hoxe xestiona un paraxe natural de 15.000 metros cadrados. 
Club fluvial de Baamonde. C.PÉREZ
photo_camera Club fluvial de Baamonde. C.PÉREZ
Orixe
O club fluvial nacía en 1975 e dende entón fóronse facendo melloras (este ano sumáronse máis mesas, ata ter unhas 25) e foise ampliando ata os 15.000 metros cadrados, grazas a cesións veciñais de terreos.
Cercud
O Centro Recreativo, Cultural e Deportivo (Cercud) de Baamonde, que preside Moncho Parapar dende hai dez anos, suma 150 socios, entre unidades familiares de distintos lugares e os comuneiros de Baamonde. 
Acceso
O acceso é libre, pero do 1 de xuño ao 30 de setembro cóbranse 1,5 euros por ocupación de mesa.

 

Pedra, madeira e auga harmonizan no club fluvial de Baamonde, un remanso de paz onde só o renxer das follas secas baixo os pés e o bruar da auga que cae con forza no caneiro rachan o silencio cómplice mentres as raiolas do sol de outono arrincan chiscos entre as polas, sobre a auga. Quen dixo que os clubs fluviais só son para o verán?

En Baamonde, as augas do río Parga bañan un espazo de lecer onde os artistas locais teñen a súa pegada e cada pedra, cada árbore autóctona, conta unha historia. Só hai que pararse a escoitalas. A estrada que leva a Bóveda parte en dous o espazo. A un lado, a praia fluvial e a área recreativa, os bancos e as mesas de pedra, as barbacoas, os aseos, o parque infantil... e ese vello muíño que segue a soñar con recuperar algo do bulicio de antano recorverténdose en centro etnográfico sobre o pan. Ao outro, a alameda e o campo de fútbol... burbulla.

A algarabía dos partidos, dos scouts, dos bañistas estivais —se a pandemia o permite— muda o resto do ano en tranquilidade nun espazo ao que é doado chegar camiñando dende o núcleo urbano. Por el pasan os peregrinos que escollen a variante do Camiño Norte, tamén os camiñantes da Ruta dos Caneiros. Cada quen ten o seu momento, a súa razón, para ir.

Club fluvial de Baamonde. C.PÉREZ

 

Comentarios