A escola musical Esmuvi de Vilalba permanece aberta durante o verán

A escola musical vilalbesa estrea clases estivais con 22 nenos de entre catro e 14 anos. O prazo para a segunda quenda segue aberto
Actividades na escola de verán. TANIA FORJA
photo_camera Actividades na escola de verán. TANIA FORJA

Clarinetes, saxofóns, trompetas, tubas e un sen fin de intrumentos fan resoar as paredes da Escola de Música de Vilalba (Esmuvi) tamén no verán. Dende as 9.30 horas, ou 8.45 horas no caso dos madrugadores, as instalacións énchense de pequenos músicos dispostos a aprender tocando e cantando. O centro organizou este ano por primeira vez un curso estival dirixido a nenos de entre catro e 14 anos.

A iniciativa naceu por parte dos profesores da escola que viron neste curso unha dupla oportunidade: por unha banda, "que os nenos da escola non desconecten completamente durante estes meses", e por outra, "para que pequenos alleos á entidade se familiaricen coa música e os instrumentos e, quizais, plantar unha semente e que co inicio do curso, se matriculen na Esmuvi", sinalou Paula Rouco, unha das profesoras.

Esta escola de verán, que remata a súa primeira quenda hoxe, está dividida en dúas categorías: Música, Creatividade e Diversión, para nenos de catro a seis anos -na que aprenderán a linguaxe musical a través de xogos, contos ou manualidades, entre outras actividades- e Tocamos e Xogamos, dirixido a alumnos de sete a 14 anos, na que se busca que os rapaces coñezan e proben os instrumentos.

"Buscamos mesturar as distintas artes logrando un obradoiro musical, pero á vez, multidisciplinar", explicou Rouco.

Cada día da semana os nenos reciben a un experto nun instrumento que lles explica o seu funcionamento, dálles un concerto e déixalles probalo. Dun xeito "distendido e lúdico", os pequenos participantes van explorando ao tempo que xogan.

Todas as actividades están pensadas, segundo os organizadores, para ás distintas idades dos alumnos, axustando o nivel de dificultade a cada un.

Dende a entidade, e visto o éxito desta entrega, non desbotan seguir facendo esta escola de verán nos vindeiros anos. Na Esmuvi, nin o verán detén o ir e vir dos compases.

Comentarios