Esixen delito grave para o guitiricense que atacou cun coitelo a un axente

A vista celebrada en Vilalba suspendeuse á espera da resolución da petición da Xunta e
o colectivo medioambiental reivindica ''protección'' e alega que son ''autoridade''
undefined
photo_camera Axentes medioambientais, á saída do xulgado. T. FORJA

Un guitiricense acusado de atacar cun coitelo a un axente medioambiental podería enfrontarse a un delito grave. A vista celebrada este venres no Xulgado de Primeira Instancia de Vilalba foi suspendida tras a solicitude por parte da asesoría xurídica da Xunta dun cambio no procedemento. Esixen unha modificación do tipo de delito, de leve a grave, ao tratarse dun ''axente da autoridade''.

Os feitos ocorreron o pasado 19 de xaneiro cando un axente medioambiental, con iniciais L.L.C., se desprazou por orde da xefa territorial correspondente ata Guitiriz por unha denuncia dunha asociación ecoloxista na que se poñía de manifesto o maltrato animal a un poni e varias ovellas. O axente mobilizouse co fin de informar ao denunciado e realizar unha inspección do estado dos animais.

''Cando cheguei comenteille que había unha denuncia por maltrato animal e comezou a insultarme e increparme dende unha ventá, logo díxome que ía ir por unha recortada, referíndose a unha escopeta'', explica o axente.

Nese momento decidiu marchar co seu vehículo pero foi por un camiño sen saída polo que se viu na obriga de dar a volta e volver pasar por diante da vivenda do denunciado.

''O individuo estaba cun coitelo de grandes dimensións e veuse cara ao meu coche para abalanzarse sobre el'', relata o axente medioambiental, que acto seguido marchou. Nese momento comunicou o ocorrido á Garda Civil de Guitiriz e ao día seguinte presentou unha denuncia na comandancia de Lugo.

Non era a primeira vez que o axente acudía ao domicilio desta persoa, o 14 de decembro de 2020 tamén se persoara tras unha denuncia de maltrato animal a un can. Nesa ocasión o home mostrárase colaborativo e cedeu o animal que pasou á protectora Garatuxa.

A vista polo suposto ataque ao axente ía celebrarse onte, mais suspendeuse tras a solicitude de cambio no tipo delictivo de leve a grave, alegando como motivo que o axente medioambiental se considera unha autoridade.

O suposto agresor estaba denunciado por maltrato animal e xa se lle retirara un can un mes antes dos feitos xulgados

''A vista del escrito presentado por la asesoría jurídica de la Xunta, su señoría decidió suspender y dar traslado a la parte denunciada de este escrito y resolverá lo que proceda sobre la continuación como delito leve o calificándolo como grave'', informaba ás portas do xulgado o avogado da acusación.

De calificarse como delito grave, o caso será trasladado aos xulgados do penal en Lugo.

Ademais, dende a Asociación profesional dos Axentes Forestais e Medioambientais de Galiza, Aprafoga, van presentar un escrito ante o Fiscal Xefe de Lugo para pedir que a Fiscalía se presente como acusación no caso.

Protección. Os corpos medioambientais solicitan tamén unha ''maior protección, xa que non dispoñemos de medidas de seguridade para nós ou medidas disuasorias'', explicaba o axente.

En moitas operacións necesitan o apoio doutros corpos de seguridade a pesar de ser eles a autoridade competente. ''Nós mesmos tiñamos que dar solución aos casos sen ter a necesidade de pedir axuda a outros compañeiros'' defendía o ambiental.