viernes. 27.05.2022 |
El tiempo
viernes. 27.05.2022
El tiempo

"Esforzareime por mellorar a calidade de vida dos gandeiros"

Sonia Verdes, directora da Granxa Gayoso Castro. V.BRAN
Sonia Verdes, directora da Granxa Gayoso Castro. V.BRAN
Tomou as rendas dun centro pioneiro a nivel nacional onde se aúnan actividades formativas e de investigación en torno ao sector lácteo e a recría de gando. A veterinaria cospeitesa Sonia Verdes afronta con ilusión, e novos proxectos en mente, ser a directora da Granxa Gayoso Castro, que a Deputación de Lugo ten en Castro de Ribeiras de Lea.

A Deputación de Lugo converteu a Granxa Gayoso Castro no motor do sector primario na provincia a través da investigación e da innovación. A súa directora, Sonia Verdes, analiza a situación do sector e o futuro deste centro que xa é un referente.
A granxa Gayoso Castro ten o primeiro centro de recría público de gando vacún de leite de España. A que capacidade está?
O centro acolle xovencas de 60 ganderías da provincia que optaron por enviar a recría a un centro a través do que a Deputación  ofrece un servizo público e máis próximo, economicamente máis vantaxoso e que lles permite externalizar a recría para centrar a súa actividade na produción de leite, conseguindo granxas máis profesionais, mellor dimensionadas e cun mellor aproveitamento da súa capacidade produtiva. A ocupación fíxose de xeito escalonado para garantir a máxima bioseguridade e actualmente ronda o 95% . 
O organismo provincial sacou a concurso a venda do leite cru da granxa, que terá fins solidarios.
O obxectivo non é a venda de leite, nin competir cos gandeiros. Polo tanto, cando a Deputación se propuxo sacar a concurso a venda de leite non se considerou só o prezo, senón que os posibles licitadores puidesen colaborar coas persoas máis desfavorecidas, e ao tempo tivesen unha visión empresarial que contribúa ao fortalecemento do sector lácteo mediante a elaboración de produtos derivados do leite que xeran valor engadido, contribuíndo así ao obxectivo de potenciar o sector agrogandeiro da provincia. 
No complexo apoian a recría de becerras de rubia galega en colaboración con Acruga. Que actividades desenvolven?
Hai unha explotación de recría de xovencas de raza rubia galega onde se coidan os aspectos relacionados coa saúde e benestar dos animais, ademais dos reprodutivos e produtivos co obxectivo de ofrecer animais de gran calidade  para incorporar ás explotacións da provincia e de fóra dela. 
Ao longo do ano participan en poxas que soen pecharse con boas vendas e altas cotizacións. Considera que a rubia galega está no seu mellor momento?
A rubia galega é unha raza amplamente estendida cun gran potencial para o desenvolvemento de determinadas zonas do territorio onde non é posible outro tipo de actividade máis que a agraria e gandeira, ofrecendo así oportunidades ás persoas que viven no rural. Nestes tempos de incerteza, a cría e a produción da raza rubia é unha opción para desenvolver proxectos apegados ao rural, implicados no coidado do medio ambiente, a ordenación do territorio e o desenvolvemento sostible, e a demanda que hai de animais desta raza confirma esa opción.
A Granxa Experimental de Leite, en colaboración coa USC, é outro dos proxectos estrela do centro.
A Granxa Experimental tenta ser un verdadeiro ‘laboratorio vivo’ onde arredor de 500 alumnos do Campus de Lugo todos os anos poden realizar prácticas relacionadas co manexo dos animais, o estatus sanitario, podoloxía, alimentación, benestar, calidade do leite, tecnoloxías da produción e reprodución animal ou a mecanización agraria, entre outras. Deste xeito constitúe un centro pioneiro que une actividades de formación e de investigación ao redor do sector do leite, que permite abordar a docencia cun enfoque máis profesional e práctico para formar aos mellores profesionais que asesorarán aos gandeiros co obxectivo final de conseguir explotacións máis modernas, viables e sustentables, que contribúan a mellorar a calidade de vida no rural. 
Gayoso Castro, con case 80 anos, alberga maquinaria que é unha  reliquia. Teñen previsto algunha iniciativa para poñela en valor?
A Deputación conserva as primeiras máquinas agrícolas e os primeiros tractores que houbo na provincia, o que amosa a aposta que se fixo naqueles tempos dende a Granxa Provincial pola modernización do sector agrario. Este fito contribuíu ao desenvolvemento agrogandeiro da comarca, sendo a Terra Chá unha das comarcas onde o sector agrogandeiro hoxe ten máis peso. A idea é manter a maquinaria e poñela en valor. 
As instalacións son moi amplas e hai zonas sen uso. Hai algún proxecto máis previsto?
A idea é continuar mellorando as instalacións na procura de ofrecer mellores condicións para o desenvolvemento das actividades docentes e de investigación e mellores condicións sanitarias, de benestar e de bioseguridade para a cría do gando.
Falárase da creación dunha granxa para impulsar o porco celta. En que fase se atopa?
A Deputación está a traballar, en colaboración coa Facultade de Veterinaria e coa asociación de criadores de gando celta (Asoporcel), en dotar a Granxa Gayoso dunha granxa de produción de porco celta, onde os alumnos do Campus de Lugo poidan realizar prácticas e ao tempo satisfacer a demanda de porcos celta que existe nas explotacións para a súa cría e produción. Este é un compromiso do presidente do ente provincial, José Tomé Roca, que xa asinou un protocolo de colaboración para sacar adiante este proxecto.
Ademais dos exemplares de vacún, con que outros animais traballan na granxa?
Temos unha pequena explotación de gando equino para proxectos de investigación e experimentación en colaboración coa USC, e unha pequena explotación apícola que utilizan para a realización de prácticas os alumnos dos ciclos formativos da familia profesional agraria do IES José Trapero Pardo, de Castro de Ribeiras de Lea.
Tomou o relevo de Miguel Ángel Fernández. Como ve o futuro?
Quero agradecer o traballo de Miguel durante os últimos anos, porque contribuíu a que hoxe a Deputación de Lugo conte na Granxa Gayoso cun centro de recría e cunha granxa experimental de leite pioneiros en Galicia e en España. Asumo o reto de dirixir o centro con ilusión e responsabilidade e no futuro espero poder traballar e esforzareime para continuar impulsando a granxa provincial  para reforzala como referente para o sector agrogandeiro, e contribuir a mellorar as explotacións da provincia e a calidade de vida das persoas que se adican á gandería e á agricultura.

"De nena amosaba interese polo corpo humano e gustábame aprender sobre enfermidades"
Cal é o seu lugar favorito de Cospeito?
A Fonte da Virxe. Crieime ao pé dela na casa dunha tía avoa miña e gardo moi bos recordos.
Por que decidiu formarse como veterinaria?
De nena xa amosaba interese por todo o relacionado co funcionamento do corpo, gústame ler e aprender sobre enfermidades e tamén me gustan moito os animais.
Que é o que máis lle apaixona da súa profesión?
Apaixóname a clínica de vacas e tamén a cirurxía, pero da miña etapa como clínica desfrutaba moito do contacto e das conversas cos gandeiros e coas gandeiras. Ao final eres case unha máis da casa. 
É máis de cans ou gatos?
Son máis de cans para darlles agarimos, aínda que para exercer como veterinaria prefiro as vacas. 
Os animais acaban de ser considerados xuridicamente en España membros da familia. Que lle parece esta nova lei?
O certo é que os animais son membros da familia, e todo o que se lexisle para a súa protección debe defenderse.
Que lle gusta facer no tempo libre?
Gústame desfrutar do meu fillo, aínda é pequeno e fanse maiores moi rápido.

"Esforzareime por mellorar a calidade de vida dos gandeiros"
Comentarios