Logo dunha longa tempada sen apenas actividade, a ilusión volveu encher a sala de baile da Escola de Movemento de Vilalba, que está a ultimar as 19 coreografías que un total de 67 nenos e nenas, con idades comprendidas entre os catro e os 22 anos, defenderán esta semana, no auditorio vilalbés, na fase de clasificación do Mundial 2021 de danza.
"Presentamos coreografías nas catro categorías de idade existentes, Mini, Children, Junior e Senior", explica Noelia Blanco, a directora da escola, que tamén aclara que competirán en nove das doce modalidades oficiais: Ballet, Ballet Repertorio, National, Jazz, Showdance, Lyrical, Contemporary, Acro, Song and Dance, Tap, HipHop e Comercial.
Carla Mosteiro presentará senllos sós en Ballet e Contemporáneo, mentres que o resto das coreografías serán en grupos dos cinco aos 20 integrantes.
A convocatoria deste ano ten un formato completamente distinto para adaptarse á realidade covid. Así, unha delegación da WorldCup Qualifiers está a gravar por zonas as coreografías participantes e este venres, día 4, será o turno da Escola de Movemento de Vilalba. Unha vez recollan as creacións de todos os inscritos, farán unha edición por categorías e modalidades, que se emitirá online do 25 ao 27 de xuño, para que o xurado poida puntuar cada proposta.