A reportaxe

A Escola de Movemento participa no Mundial de Danza con catro coreografías

Unha delegación de 40 danzantes viaxará a San Sebastián para defender sobre o escenario, entre o 24 e o 28 deste mes de xuño, Terra, A Roda da Vida, I Am e Maxia

I Am, a mellor coreografía da categoría Mini no clasificatorio. ESCOLA DE MOVEMENTO
photo_camera I Am, a mellor coreografía da categoría Mini no clasificatorio. ESCOLA DE MOVEMENTO

Faivos ilusión ir ao Mundial de Danza?. A resposta é unánime e inequívoca; "Siiiiiiii!!!". E por se quedaba algunha dúbida, aínda hai quen precisa: "Demasiada". E por que? "Porque podemos gañar un trofeo". E se non gañan? Pois non pasaría nada, porque as alumnas da Escola de Movemento de Vilalba teñen claro que o importante, aínda que sempre sexa agradable conseguir unha medalla, é participar e aproveitar a experiencia.

"Lo importante es divertirse", confirma unha delas. "Pasámolo ben bailando", apunta outra. "Vivimos experiencias todos xuntos", deixan claro as pequenas bailarinas que últiman na aula do auditorio os ensaios de cara á competición internacional que se celebrará do 24 de xuño ao 2 de xullo en San Sebastián.   

Bailando Terra. ESCOLA DE MOVEMENTO
Bailando Terra no clasificatorio de Burgos. ESCOLA DE MOVEMENTO

Porque ademais do feito de poder facer aquilo que lles gusta, que non é outra cousa que "bailar", participar nos clasificatorios e, se o resultado é bo, nos mundiais, tamén as leva a "viaxar", a "ver cousas novas", a "visitar sitios para saber como son" e a coñecer os integrantes das outras delegacións, chegados dende distintas partes do mundo.

E como vos entendedes? A resposta é clara: "Bailando". E se non, sempre se pode recorrer aos "xestos", aos "xogos", ao "tradutor de Google" ou á tradutora oficial, que non é outra que Noelia Blanco, a coordinadora da Escola de Movemento.

Bailando I Am.ESCOLA DE MOVEMENTO
I Am, no clasificatorio. ESCOLA DE MOVEMENTO

A querenza das danzantes pola experiencia é tanta que ata gozan daquilo que para a maioría sería un tanto tedioso, "ir no autobús con todos". E aí, nesas horas de traxecto de ida e de volta, é onde substitúen pasos por notas e "cantamos". 

Logo dun tempo con actividade mínima pola pandemia e de participar neste tipo de eventos só de xeito virtual, a competición retomouse presencialmente neste 2022, algo que xa lles tardaba ás bailarinas e bailaríns da escola vilalbesa, que asinaron unha das súas mellores actuacións dende que participan nas competicións internacionais no clasificatorio de Burgos, celebrado en marzo. 

Bailando A Roda da Vida. ESCOLA DE MOVEMENTO
Bailando A Roda da Vida no clasificatorio. ESCOLA DE MOVEMENTO

Alí, a delegación de Movemento, composta por 90 danzantes, puxo en escena un total de 24 coreografías, das que nin máis nin menos que a metade lograron clasificarse para o Mundial. "Non contabamos para nada con iso", apunta Noelia, que fai un balance moi positivo da participación en Burgos, ademais de alabar a boa actitude das bailarinas ante esta e calquera outra competición, sexa cal sexa o resultado final.

"Son moi positivas, disfrútano moito e sempre saen pensando que o fixeron ben, pero non se decepcionan nin se enfadan se o resultado non é bo, tómano moi ben", destaca a coordinadora do centro.

A Escola de Movemento retornou do clasificatorio con ouros para Soy Yo (I Am), A Roda da Vida, Terra, Pousa Pousa –levou tamén un premio especial ao mellor vestuario de danzas folklóricas–, Maxia e Don't Go Yet. Ademais, Bohemiam Rhapsody e Inside Out fixéronse con sendas pratas e foron bronce Gerónimo, Mickey e Minnie e Crazy Fog.

MOVEMENTO CLASIFICATORIO (9)
Maxia, no clasificatorio de Burgos. ESCOLA DE MOVEMENTO

De todas as coreografías que acadaron o pase ao Mundial, finalmente serán catro, defendidas por un total de 40 danzantes con idades comprendidas entre os sete e os 13 anos, as que viaxen a San Sebastián –o resto non pode ser, ante a imposibilidade dalgunhas das integrantes dos conxuntos de acudir á cita mundialista–. Participarán nas categorías Mini e Children, que serán das primeiras en dirimirse na competición, entre os días 24 e 28 de xuño.

Estades nerviosas? Aquí xa non hai unanimidade. Soan os "si" e os "non" por igual, algún que outro razoado: "Agora non, pero despois...", "cando bailemos...".

Noelia Blanco: "Para os nenos a competición ben levaba é o mellor que pode haber, porque aprenden a xestionar as emocións, os que son tímidos supéranse, transfórmanse, e iso seralles moi útil para a súa vida"

E precisamente aprender a xestionar eses nervios, así coma os éxitos e os fracasos, é unha das achegas que lles supón esta experiencia, máis alá da propia danza. "Para os nenos a competición ben levaba é o mellor que pode haber, porque aprenden a xestionar as emocións, os que son tímidos supéranse, transfórmanse, e iso seralles moi útil para a súa vida, porque o poden aplicar noutros ámbitos", resume Noelia, que incide en que "a nivel persoal, son todos vantaxes". 

Porque estas probas tamén supoñen un punto de intercambio e de enriquecemento: "Para elas sempre é ilusionante e ademais hai moi bo ambiente, sempre veñen con algunha amiga nova, a verdade é que botaban de menos ese contacto e a convivencia", conclúe Noelia sobre unha competición na que terán en fronte a rivais de distintas partes do mundo.

I Am. ESCOLA DE MOVEMENTO
I Am. ESCOLA DE MOVEMENTO

Así, I Am, que participa na categoría Mini e na modalidade de lírico, medirase a conxuntos de Inglaterra, Israel, México, Escocia, Austria, Israel e Bulgaria. E farao cunha carta de presentación envexable, pois no clasificatorio foi a presentación que acadou a maior puntuación de toda a categoría, o que lle reportou numerosas felicitacións e un pase especial á gala final, onde se representan as mellores coreografías. Tamén en Mini, pero na modalidade de acro dance, competirá Maxia, fronte a Canadá, Ucraína, Xibraltar, Inglaterra e Portugal.

Maxia. ESCOLA DE MOVEMENTO
Maxia. ESCOLA DE MOVEMENTO

As vilalbesas defenderán Terra en Mini e national dance, fronte a equipos de Inglaterra, Bulgaria, Polonia, Austria, Portugal e Finlandia, mentres que A Roda da Vida, na mesma modalidade pero en categoría Children, terá de compañeiras a Portugal, Inglaterra, Alemania, Holanda, Islandia, Irlanda, EE.UU. e Sudáfrica.

Terra. ESCOLA DE MOVEMENTO
Terra. ESCOLA DE MOVEMENTO

E isto son só os países que participan presencialmente –acoden de toda Europa, mesmo de Ucraína grazas a un crowdfunding, agás Rusia, e de Arxentina, Brasil, Canadá, EE.UU., México e Suráfrica– aos que lles hai que sumar os que o farán online –todos os países asiáticos e o resto dos de África–, posibilidade que se mantivo este ano para facilitar a participación de todas as delegacións que o desexasen, aínda que non puidesen desprazarse.

A Roda da Vida. ESCOLA DE MOVEMENTO
A Roda da Vida. ESCOLA DE MOVEMENTO
Dezaseis anos de vida da Escola de Movemento de Vilalba
A Escola de Movemento de Vilalba nacía hai 16 anos e neste tempo foron moitos os alumnos que foron indo e vindo por ela, máis aínda quedan algunhas das pioneiras, coma Raquel Díaz –tiña oito anos cando empezou e agora ten 24–, que agora é docente na propia escola, ou as xemelgas Ana e María Purriños Paz, que se iniciaban con sete anos e na actualidade, con 23, compaxinan os ensaios cos seus estudos universitarios en Vigo.

Clases
Hai clases de luns a sábado, segundo as especialidades. Os luns de hip hop, os martes e os xoves de acro dance, os mércores e os sábados de movemento, os venres de national dance e os sábados de ballet. As sesións organízanse segundo as idades, con sete grupos de movemento, seis de acro, catro de national, dous de ballet e dous de hip hop.

Docentes
A escola conta con seis docentes. Ademais de Noelia (movemento e national), están Lucía Díaz (hip hop), Carla Mosteiro (ballet), Jonathan Pernas (acro dance), Raquel Díaz (pequenas) e Uxía Lamas (apoio e necesidades educativas).

120
É a matrícula da Escola de Movemento este curso, no que aínda se nota a pandemia. O seu récord de participación foi de 170 alumnos.

Comentarios