O recuncho de Luz Veres

Escola habaneira da Conchada: constante na vida vilarega

Polo centenario edificio, hoxe local social, pasaron centos de escolares ata comezos deste século  
Escola habaneira da Conchada. C.PÉREZ
photo_camera Escola habaneira da Conchada. C.PÉREZ
Localización
Circulando pola LU-P-2301 dende Guitiriz cara ao Merendero, ao pasar o busto de Díaz Castro nas Reixas, hai unha pista á esquerda que leva directamente á escola.  
 
Historia
Unha placa na fachada lembra que o edificio escolar se rematou de construír o 31 de decembro de 1923, grazas "a los donativos de generosos hijos de Villares en unión con algunos de la comarca, desde La Habana, secundados con donativos y eficaz prestación personal del párroco D. Ramón López y felig eses de esta parroquia". 
 
Centenario
O sábado 9, ás 16.00 horas na escola, o Concello de Guitiriz e a asociación veciñal festexan o centenario cunha mostra de fotos antigas, un obradoiro de regueifas, a animación dos Trapeiros dos Vilares e unha chocolatada.

Interior do edificio. C.PÉREZ
Interior do edificio. C.PÉREZ

Dende que pode facer memoria, a escola habaneira da Conchada está presente na vida de Luz Veres, veciña da parroquia guitiricense dos Vilares. Nela foi a preescolar e estudou, coa "profe Rosa", ata segundo de primaria, para logo mudarse ás aulas do Ceip Lagostelle de Guitiriz. "Teño moitos recordos con Ainara, Jordi, Álex e Javier", di, enumerando os que eran os seus compañeiros de curso nun grupo que daquela, na década dos 90, sumaba máis dunha vintena de pequenos escolares.

"O que máis me gustaba era que estabamos todos xuntos, aprendiamos moito, porque tiñamos unha profe marabillosa que facía as clases moi amenas, e tamén nos levabamos todos moi ben", vai debullando Luz, que recorda con moito cariño o día a día na escola e tamén as datas sinaladas, coma a elaboración duns disfraces de Entroido "moi chulos" con material de refugallo ou cando pintaron un mural de Mickey Mouse "na entrada, e debaixo estaba o percheiro cos nomes de todos". 

Mural pintado polos nenos. C.PÉREZ
Mural pintado polos nenos. C.PÉREZ

O tempo pasou, pero o legado dos habaneiros no lugar do Laxoso segue presente na vida de Luz. O inmoble úsase tamén dende hai moitos anos como local social e é a sede da Asociación de Veciños, Cultural e Medioambiental dos Vilares, que ela preside dende hai oito anos e que organiza numerosas actividades ao longo do ano, entre elas a lonxeva Romaría Labrega da Chaira, que xusto comezaba ao pé da escola, cando Luz non era máis ca unha nena. 

No antigo edificio educativo vótase nas citas electorais, organízanse actos puntuais, xuntanzas, celebracións sinaladas coma o magosto da asociación e tamén propostas de continuidade, como foi un curso de costura ou son os ensaios do grupo de música tradicional Os Trapeiros dos Vilares, no que Luz é gaiteira e que toma o seu nome dunha antiga profesión moi espallada na parroquia vilarega.

Os derradeiros alumnos. C.PÉREZ
Os derradeiros alumnos. C.PÉREZ

Neste 2023, a escola habaneira cumpre 100 anos, importante efeméride que celebrarán cun grande acto, aínda que realmente o que lle gustaría a Luz, á asociación que preside e ao resto da veciñanza é vela restaurada. "A ver se entre todos o conseguimos", desexa, porque non habería mellor maneira de honrar a herdanza dos vilaregos de aquí e de acolá.    

Vistas dende a escola. C.PÉREZ
Vistas dende a escola. C.PÉREZ

Comentarios