Ermita Rodríguez: "Avelino foi a sombra de Castelao moitos anos e isto non é casual"

Son a presidenta da Asociación Cultural Avelino Díaz. A poesía é aquilo que queda cando espimos de artificio os sentimentos. Neste momento onde vivimos escravos do tempo e das tecnoloxías faise máis necesario que nunca buscar a esencia do que nos rodea
Ermita Rodríguez, presidenta da Asociación Cultural Avelino Díaz. EMMA AENLLE
photo_camera Ermita Rodríguez, presidenta da Asociación Cultural Avelino Díaz. EMMA AENLLE

Hai pouco que asumiu a presidencia, por que decidiu dar o paso?
A verdade é que mo pediron os compañeiros, levo implicada neste proxecto dende que botou a andar por segunda vez esta asociación, no 2014, e son consciente que non é fácil poñerse á fronte, así que me sinto valorada pola confianza pero ao mesmo tempo responsable polo que implica.

Quen a acompaña na directiva?
Nesta etapa temos a sorte de contar cun equipo moi dinámico, que chega cargado de ilusións. Como sempre somos xente moi diversa, temos representación dos centros educativos da comarca, outros que forman parte do tecido asociativo, persoas con experiencia en turismo e outras que levan moito tempo traballando no eido da cultura e que achegan a súa experiencia.

En que están a traballar?
Estamos cargados de proxectos, empezando polo V Certame literario, cuxos premiados daranse a coñecer a finais de mes. Tamén celebramos un pequeno acto co gallo do Día das Letras Galegas, que consistiu nunha lectura de poemas de Avelino Díaz e do protagonista deste ano, rematando cunha sesión vermú co grupo de saxos sénior da escola de música e temos pendente a presentación da reedición do libro de Marivel Freire na Deputación, na que contaremos coa autora e esperamos a presencia d’A Quenlla que está a preparar algo moi especial cos poemas de Avelino.

Algún proxecto máis?
Estamos a sinalizar uns roteiros escolares, co obxectivo de que as escolas que visiten Meira polo noso patrimonio natural e arquitectónico, poidan descubrir os valores do noso poeta que son tan necesarios nos nosos días. Pero hai moitas actividades que están a ser preparadas, dende o clásico roteiro que facemos en setembro a unha nova edición das xornadas que arredor de Avelino Díaz realizaremos de cara o Nadal.

O obxectivo é claro, queren un Día das Letras Galegas. Por que?
El chegou a Bos Aires como emigrante, non como exiliado, foi un home feito a si mesmo, un home humilde, cun gran sentido da responsabilidade e un amor polo noso idioma que sempre deixou patente en cada unha das cartas que enviaba, insistindo en que os nenos non deixasen de falalo. Necesitamos que se estude a súa obra, que se recompile, se edite e se poña a disposición de todos. Necesitamos libros para poder gozar deles, e para todo isto é necesario que as institucións se impliquen, non é doado para unha asociación como a nosa superar as trabas legais. Un Día das Letras faría que todo isto se materialice e por iso é tan importante.

ERMITAS RODRÍGUEZ 22
Ermitas Rodríguez. EMMA AENLLE

E está máis preto?
Sendo realistas non podemos dicir que ata o momento Avelino fose candidato. Entendemos que hai moita xente no noso país con méritos para ser protagonista das Letras Galegas, pero Avelino Díaz ten que ser tido en conta. Proximamente iniciaremos novos contactos coa Real Academia Galega para poder avanzar neste obxectivo.

E para os que aínda non o coñecen, quen foi Avelino?
Foi moito máis que un poeta. Aos 1178 poemas que coñecemos, dos que 851 están por editar, hai que sumarlle a súa inmensa produción xornalística, a súa obra dramática, a súa faceta como tradutor e o seu labor como activista cultural. El foi un home comprometido cos galegos de Bos Aires, sempre traballou nun plano secundario, pero nunca faltou. Foi a sombra de Castelao durante anos e sen dúbida isto non é un feito casual.

Cre que aínda falta divulgación?
O traballo feito nos últimos anos fai que Avelino Díaz xa non sexa un descoñecido, pero o feito de non poder dispoñer dos libros é un gran problema. Aínda así, e cada vez máis, xente da altura do profesor Benigno Salgado ou o escritor Otero Canto, e moitos outros, están a estudar o noso autor e a traballar para que a súa obra sexa recoñecida.

Que tería que ocurrir para que a publicación fose unha realidade?
O primeiro paso sería que a familia se decidise a reeditar os libros que no seu día autopublicou Avelino e partir de aí sacar a luz todo o que está gardado. Nestes últimos anos tivéronse moitas conversas con eles e a verdade é que todos están dispostos a que se materialice pero as distancias fan que polo momento aínda teñamos isto pendente. Esperamos en breve poder anunciar que a súa obra vai a estar dispoñible para todos.

E que iniciativas lles gustaría poñer en marcha nun futuro?
A asociación vén de renovar a xunta directiva, son moitas as novas incorporacións e as ilusións, así que hai que darlle tempo, seguro que sairán iniciativas interesantes, podo dicir que o futuro é prometedor, así que dende a miña perspectiva podo anunciar unha longa vida á Asociación Cultural Avelino Díaz.