A reportaxe

Erasmus gandeiro: saber da práctica agropecuaria de aquí e de acolá

Os chairegos Adrián, Antón e Bernardo, alumnos do ciclo medio de Produción Agropecuaria da Efa Fonteboa, veñen de pasar tres meses formándose en Normandía 
Antón, Adrián e Bernardo. EP
photo_camera Antón, Adrián e Bernardo. EP

O ciclo medio de Produción Agropecuaria no Centro de Promoción Rural Efa Fonteboa. Eses foron os estudos escollidos para o curso 2021/2022 polos chairegos Adrián Fernández Gómez, cospeités de Goá de 16 anos; Bernardo García, murés de 17 anos; e Antón Chaín Murado, pastoricense de Baltar de 20 anos.

Aos tres os levou a compartir clase a Coristanco o seu gusto polos animais, o seu desexo de formarse no sector agropecuario e o seu propósito de darlle continuidade as respectivas ganderías familiares. Os tres veñen tamén de vivir unha desas experiencias que quedan con un para o resto da vida: botaron tres meses en distintas granxas da rexión francesa de Normandía, coñecendo o día a día da súa forma de manexar o gando e as terras. E os tres contestan cun rotundo "si, completamente, ao 100%", ás preguntas de se repetirían e de se llo recomendarían a outras persoas. 

Adrián, en Normandía. EP
Adrián, en Normandía. EP

Adrián leva toda a súa curta vida rodeado de vacas. Medrou na gandería familiar Fulieiro SC, que supera as 200 cabezas de leite e nela quere quedar. Pero antes, teno claro, "hai que aprender e formarse". Por iso, cando acabe o ciclo medio, do que lle resta o segundo ano, gustaríalle matricularse no superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal.

El foi o alumno máis novo de Fonteboa en participar no Erasmus, e abofé que aproveitou unha oportunidade que, como el mesmo di, "non che dan todos os días". "Aportoume tanto a nivel persoal como de formación", asegura, e detalla con aquilo que queda: "O cariño da familia, aprender un idioma e aprender a vivir fóra da casa tres meses".

E claro, tamén está a práctica gandeira de Gaec Du Bois Janvier, unha explotación de vacún de carne e de leite, que cría touros para o sacrificio e dedica grandes superficies ao cultivo de trigo. "Tiñan 120 vacas en ordeño, 144 novillas, 207 machos para criar ata os dous anos, 67 novillas de blonde de Aquitania e 25 nais blonde", enumera Adrián sobre esta granxa familiar na que se sentiu coma na casa, tanto que xa ten o billete para irlles facer unha visita sorpresa este verán.

Bernardo, en Normandía. EP
Bernardo, en Normandía. EP

O seu compañeiro Bernardo, cuxo pai e tío teñen exemplares de carne nos montes de Muras, escolleu Fonteboa pola súa oferta lectiva, e a oportunidade de viaxar a Normandía foi un plus que non quixo desaproveitar. Conviviu tres meses en Earl Les Trembles, unha gandería familiar na que a parella titular "tiña o fillo asalariado para traballar" no manexo de 60 cabezas de carne e na produción de mazás nunha finca de 18 hectáreas, ás que suman outras 240 de plantacións de trigo, millo ou cebada. "A cantidade de cultivos chamoume moito a atención", di sobre unha experiencia "moi boa" que lle permitiu "aprender un novo idioma".

Porque tres meses dan para moito, e senón que llo digan a Antón, que a falta dunha, tivo dúas vivencias distintas. Procedente da SAT Murado Portela, á que prevé incorporarse o ano que vén, da que forman parte seu pai e seu tío e que supera os 400 animais, cursou Bac e logo apostou por ir a Fonteboa "porque din que é un centro moi bo".

Antón, en Normandía. EP
Antón, en Normandía. EP

"Estivo moi ben, aprendín moitas cousas que non sabía, sobre xenética, o manexo dos animais...", explica dun programa Erasmus no que tiña claro dende o primeiro día de clase que quería participar. "Deume a nota para ir e lanceime á aventura", apunta. E mereceu a pena.

Pasou por Gaec La Metrie, onde muxían 110 vacas, tiñan 60 touros en venda e 100 cabezas de recría, ademais de atender unha pequena granxa de porcos "que vendían en persoa".

As outras seis semanas estivo nunha gandería de carne, con máis 400 reses de raza blonde de Aquitania, das que 220 cabezas eran nais, preto de cen eran touros —sacrificábanos ao redor dos doce meses— e outras tantas, recría. Posuían ademais 210 hectáreas de terreno, a metade para ter pasto todo o ano, unhas 50 para forraxe para eles durante o inverno e o resto dedicadas ao cultivo de trigo para a venda, segundo detalla Antón.

"O que máis me sorprendeu foron eses grandes cultivos que teñen aló que aquí é case imposible, ter unha finca de 35 hectáreas aquí é imposible", lamenta o pastoricense, que fai fincapé tamén noutros aspectos da experiencia, coma a similitude do clima pero as moitas diferenzas culturais (...e gastronómicas).

E como non todo ía ser traballar, tamén compartiron tempo de ocio na bolera ou nas festas do pobo, ademais de xuntárense alá algunha que outra fin de semana por iniciativa dos responsables de coordinar o Erasmus, un centro da zona que sería o equivalente a Fonteboa en terras normandas e que tamén envía alumnos para formarse aquí igual que os chairegos van acolá. 

Dobre obxectivo: Coñecemento e inmersión
"O obxectivo é que descubran formas de traballar fóra do propio país:o manexo do gando, a estrutura das explotacións, a rotación de cultivos... que poidan comparar e traer o que lles interese", di José Gil, profesor de Fundamentos Agronómicos en Fonteboa, coordinador de FP e encargado das mobilidades de Erasmus, que teñen dúas modalidades: as de longa duración, de tres meses —este curso foron oito alumnos, cinco de primeiro (entre eles os tres chairegos), e tres de segundo—; e as de curta, de tres semanas.
Inmersión
"Os rapaces queren ir, é unha experiencia moi boa e son esponxas", explica o profesor, aludindo á importancia da inmersión lingüística —"pasan as 24 horas con xente que só fala francés"— e cultural — "ven como viven, as afeccións, a vida social..."— que ofrecen eses programas, nos que teñen un profesor asignado que fala español e un centro homólogo que os supervisa.
Intercambio
Mentres Antón e Adrián estiveron en Normandía, nas súas granxas recibiron alumnos de Bretaña no que tamén foi unha "experiencia única" para as súas familias.
50%
José Gil alude tamén a un cambio de tendencia nos ciclos agrarios. "Antes só viñan rapaces que tiñan gandería, pero agora o 50% non ten nada na casa", di, incidindo en que "o campo agora é máis atractivo ca antes" e vese coma unha saída laboral.

Comentarios