A CHAIRA, 15 ANOS: VILALBA

Epicentro de servizos que quere medrar

A ampliación do polígono, a construción do centro de día e a mellora das prestacións na vila e o rural seguen sendo os retos pendentes  
2007 ▶ Abre o parque acuático, que agora será derrubado. AEP
photo_camera 2007 ▶ Abre o parque acuático, que agora será derrubado. AEP
Veciñanza
No ano no que empezou A Chaira, Vilalba tiña 15.455 persoas censadas. A partir de 2010, a perda de poboación foi constante ata 2019, con 14.072. En 2020, o padrón medrou en sete veciños. A idade media no concello vilalbés é de 49,92 anos.
Onde están os marcos?
Con 379,36 quilómetros cadrados, que lindan con Abadín, Cospeito, Begonte, Guitiriz, Xermade e Muras,  é o segundo concello máis grande de Galicia. Ten 29 parroquias: Alba, Árbol, Belesar, Boizán, Carballido, Codesido, Corvelle, Distriz, Goiriz, Gondaísque, Insua, Ladra, Lanzós (O Salvador), Lanzós (San Martiño), Mourence, Nete, Noche, Oleiros, Rioaveso, Román, Samarugo, San Simón da Costa, Sancobade, Santaballa, Soaxe, Tardade, Torre, Vilalba, Vilapedre e Xoibán. 
Quen manda aquí?
En 2006, o popular Gerardo Criado levaba un ano como alcalde despois de que Agustín Baamonde lle cedera o bastón para irse ao Parlamento. Once anos despois, as tornas cambiaron e Baamonde regresou como rexedor ata que perdeu as eleccións en 2019, ano no que se creou o primeiro goberno de coalición entre PSOE e Vilalba Aberta —que entrou na corporación en 2015—. Hoxe, os socialistas gobernan en minoría.
Para botar un pé
A sona das festas de San Ramón e Santa María, de ata dúas semanas de duración, e das feiras do capón e do queixo de San Simón e do festival FIV cruza fronteiras.

A capital chairega sufriu unha importante transformación a nivel estético e de ampliación de servizos nos últimos 15 anos, pero debe seguir adiante con esta dinámica se non quere quedar atrás. Houbo cousas nas que avanzou e que logrou poñer en marcha, pero hai outras que aínda están pendentes despois de todo este tempo e que precisan facerse realidade.

As sucesivas fases de ampliación do polígono industrial —no que se instalaron a ITV, a láctea Entrepinares, que non parou de medrar, ou se trasladaron varias queixerías de San Simón, entre outros proxectos novedosos— déronlle un pulo económico a un concello que, como cabeceira de comarca, é un punto estratéxico de servizos para os municipios da contorna. Pero o parque empresarial precisa seguir medrando e aproveitar esa sinerxia que se orixina grazas á fantástica localización de Vilalba a nivel de comunicacións desde que se rematou a construción da A-8 e da autovía ata Ferrol.

Tamén debe continuar adiante a mellora e renovación de servizos básicos, como ocorreu co abastecemento de auga, unha rede reformada na súa totalidade pero que aínda ten pendente solucionar o problema da depuración cara ao río Madalena cada vez que se producen fortes choivas, pese a que este tema foi obxecto de debate desde inicios da década do 2000. 

O arranxo das travesías urbanas das estradas de Ferrol e de Meira cedidas pola Xunta —aínda está pendente a da de Lugo—, as peonalizacións de Porta de Cima, Basanta Silva e Rúa dos Pepes e o acondicionamento de moitas outras rúas cos obradoiros de emprego e fondos da Xunta, Deputación e o plan E déronlle un lavado de cara ao casco urbano e unha modernización das subministracións básicas.

O novo goberno socialista —o primeiro na historia democrática vilalbesa e, ademais, cunha muller á fronte— aposta neste tipo de proxectos por humanizar e dar un maior protagonismo aos peóns nas zonas nas que se traballa, tal e como se fixo nas contornas da Rúa Calvario e das Pedreiras, unha liña na que quere seguir traballando e para a que incluso se elaborou un estudo de mobilidade.

Outra proposta nova que se anunciou nos últimos meses e que quedou paralizada pola pandemia do coronavirus foi a demolición do actual parque acuático, inaugurado en 2007, para construír novas piscinas máis integradas na contorna, mentres a construción dun centro de día segue a ser o cabalo de batalla a nivel de servizos sociais, nos que a apertura da nova escola infantil da Xunta, a adaptación da antiga municipal ante a necesidade de prazas e a posta en marcha da unidade de Alzhéimer no Hospital Asilo foron grandes fitos neste ámbito.

Mentres esas melloras de servizos van chegando aos poucos á extensa zona rural vilalbesa e se bota de menos unha estratexia turística que aproveite e impulse os recursos do concello, o nome de Vilalba traspasa fronteiras a cada pouco grazas aos logros dos propios veciños, con produtos como o queixo de San Simón —cuxas fábricas acadaron importantes premios nacionais e internacionais, ademais da DOP Europea en 2008—, o capón —co selo da IXP— ou o roscón de Andrade. 

Tamén se puxo no mapa a vila cando o Gordo de Nadal de 2017 caeu case íntegramente nela, por segunda vez na historia —a primeira foi en 1976, en Santaballa—, repartindo 520 millóns correspondentes a 130 series do número 71.198, desatando a euforia entre os numerosos afortunados.

Protagonista
imgDataAlberto García-Basteiro. O traballo deste médico experto en enfermidades infecciosas no Centro de Investigação em Saude de Manhiça (CISM) en Mozambique e o Instituto de Salud Global de Barcelona valeulle o recoñecemento co Premio Investigador Joven de The Union en 2017 e do seu pobo como pregoeiro do San Ramón en 2019. Como epidemiólogo, é unha cara visible tamén na loita contra o covid-19.

Comentarios