A CHAIRA, 15 ANOS: XERMADE

O epicentro do torno saca peito do seu pasado

Certames, escavacións e a posta en valor de paraxes como o Batán de Folgoso son os principais fitos da súa historia recente
2009 ▶ Última Festa da Roza, nas Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros. AEP
photo_camera 2009 ▶ Última Festa da Roza, nas Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros. AEP
Veciñanza
Xermade foi perdendo progresivamente poboación, dende os 2.339 veciños que tiña no 2006, quedou por debaixo dos 2.000 —1.985— no 2015 e, actualmente, segundo os datos de 2020 do Instituto Galego de Estatística (Ige), conta con 1.783 habitantes, cuxa idade media é de 55,05 anos.
Onde están os marcos?
Ten unha superficie de 166,27 quilómetros cadrados repartida en dez parroquias: Burgás, Cabreiros, Candamil, Cazás, Lousada, Miraz, Momán, Piñeiro, Roupar e Xermade. Fai fronteira cos municipios chairegos de Muras, Vilalba e Guitiriz, ademais de con Monfero e As Pontes, xa na provincia da Coruña,
Quen manda aquí?
O socialista Roberto García conseguiu arrebatarlle a alcaldía ao PP en 2015, converténdose no primeiro alcalde de esquerdas da democracia —os outros dous foron Manuel González e Tomás Rodríguez—. Gobernou en minoría catro anos, e dende 2019 posúe a maioría con cinco edís, un máis que os populares, o único partido na oposición. 
Para botar un pé
Xermade celebra no mes de agosto as festas patronais na honra á Nosa Señora da Asunción. Ademais, dende hai dúas décadas, conta co Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, unha cita máis que consolidada que logra encher de visitantes o centro da vila e o pavillón municipal durante catro intensas xornadas.

O Encontro Internacional de Torneiros da Madeira logrou situar Xermade no mapa, grazas ao inmenso traballo desenvolvido, entre outros, por Vicente Fraga e Fernando Vérez —recordado na última edición de 2019 xunto ao artesán Miguel López—, dúas das pezas clave para que este evento, que se iniciou hai dúas décadas na Aldea da Fraga de Cazás, dese o salto ao pavillón municipal e recibise o respaldo das distintas administracións ata a actualidade.

Foi así, case por casualidade, como esta pequena vila chairega se converteu no epicentro do torno, acollendo relatores de distintas partes do mundo e visitantes de recunchos dispares da xeografía galega e nacional, nunha cita que en 2018 cumpriu a maioría de idade. 

Pero ademais de sacar peito por este grande evento de carácter internacional, Xermade tamén pode presumir da súa aposta total polo pasado, un labor desenvolvido dende diferentes entidades nos últimos anos.

En 2014, nacía da man das Xornadas Interxeracionais de Cabreiros o premio Xermade na Historia, un certame que conta co respaldo das administracións e que loita por traer ao presente a riqueza do pasado. As investigacións gañadoras foron incluso publicadas en varios libros, o que dá aínda máis valor a este proxecto de futuro.

Como tamén teñen un peso importante as escavacións que destaparon xacementos como as carboeiras ou a neveira de Lousada, que cada ano, dende 2015, recibe dende distintas partes do mundo mozos que axudan a consolidar este curioso achado da época medieval. 

E nesa aposta de todos os concellos por gañar visitantes e poñer en valor o patrimonio natural e etnográfico, tamén se levaron a cabo diferentes proxectos, onde se recuperaron con fondos do GDR Terra Chá varias construcións asociadas á auga, como os muíños de Folgoso e de Orxás, ademais dunha moa ou dous batáns.

A carón deste enclave impulsouse, coa colaboración da asociación Roteiros da Carba, unha ruta de sendeirismo que atravesa lugares e paisaxes que non deixan a ninguén indiferente.

Esta entidade, que en 2017 editou unha guía na que recolle os principais elementos patrimoniais de Xermade, tamén propuxo a comezos deste mesmo ano a posibilidade de converter os 166,27 quilómetros de superficie do municipio nunha gran sala de exposicións, coa antiga reitoral da capitalidade municipal como museo etnográfico.

Roteiros da Carba, que naceu en 2015, é só unha das múltiples entidades que permanecen en activo nun concello caracterizado tamén polo seu gran poder asociativo. Máis dunha ducia de colectivos que promoven todo tipo de actividades para manter vivo o concello.

Un municipio rural que loita por contar con mellores servizos e infraestruturas e que protesta dos xeitos máis curiosos e chamativos. Unha das mobilizacións máis recordadas foi a cargo do cura de Momán, Luis Ángel Rodríguez Patiño, que decidiu convocar unha misa contra as fochancas, unha iniciativa que repetiu en varias estradas.

E na parte máis escura, Xermade será recordada tamén por ser o lugar no que aconteceu o crime máis cruento da historia recente da comarca. As brutais mortes de Víctor e Eulogio Hermida, na parroquia de Burgás, romperon coa apracible tranquilidade dun pobo que seguirá apostando por manter vivo o pasado para mirar con optimismo polo futuro.

Protagonista
imgDataCelestina Penabad. Muresa de nacemento —de A Cabeceira, no Burgo— e xermadesa de adopción dende que casou, Fíxose co título da persoa máis lonxeva de Galicia e a sexta de maior idade de España ao cumprir 111 en agosto de 2018. Un mes despois falecía. A avoa chairega pasaba os meses de inverno na Coruña cunha das súas fillas, pero sempre regresaba á parroquia xermadesa de Roupar, o que era o seu retiro desexado.

Comentarios