A casa da cultura acolleu a entrega de premios do IV Certame de Microrrelatos de Vilalba

O acto, amenizado pola música dun dúo de clarinetes, serviu ademais para presentar os libros que recollen os traballos gañadores das dúas últimas edicións dunha iniciativa promovida polo Concello e Culturalia GZ
Premiados no IV Certamen de Microrrelatos de Vilalba. M.MANCEBO
photo_camera Premiados no IV Certamen de Microrrelatos de Vilalba. M.MANCEBO

A casa da cultura de Vilalba acolleu na xornada deste sábado a entrega de premios do IV Certame de Microrrelatos, unha iniciativa organizada polo Concello e Culturalia GZ para conmemorar o Día do Libro e fomentar a literatura entre a poboación.

No acto participaron Marta Rouco, en representación do Concello de Vilalba; Martiño Maseda, de Culturalia GZ; Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, e Ánxela Gracián, como membro do xurado. Eles, xunto aos concelleiros Luis Fernández e Eduardo Vidal Baamonde, foron os encargados de entregar os diplomas e agasallos aos vencedores.

Paula Pérez alzouse como gañadora na categoría infantil, co texto 'A historia de Daniil', mentres que Sabela Vidal Barreiro levou o segundo premio por 'Libros silenciosos' e Emilia Manso Rodríguez o terceiro por 'O libro perdido'.

Na categoría xuvenil recolleu o primeiro premio Carlota Millor Prado coa súa obra 'Pensamento 22.139'. A segunda posición foi para Mariña Maceiras Segovia, por 'Procrastinación vital', e a terceira para Fernanda del Carmen Moraes Vidal, por 'Perségueme un desexo, gardar o tempo'.

Tanto as premiadas na categoría infantil como as da xuvenil recibiron varios libros e material escolar como agasallo.

No tocante aos adultos, o mellor microrrelato foi 'Alumar', de Óscar Reboiras, que recibiu 300 euros. Patricia Torrado Queiruga repetiu galardón nesta nova convocatoria, co texto 'A quen sobreviva', e recibiu 200 euros polo segundo, mentres que Raquel Fernández Fernández fíxose con 100 euros da terceira posición con 'Chámome Ismael'.

O acto, que estivo amenizado polas melodías dun dúo de clarinetes -formado por Uxía García e Daniel Veiga-, serviu ademais para presentar os libros que recollen os traballos gañadores das dúas últimas edicións do Certame de Microrrelatos, unha impresión que foi posible grazas de novo á implicación de Alvarellos Editora.