lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

A entrega de premios das Vilariñas dá paso a Poemas Pendurados de Farolas 

Dous dos gañadores (arriba, segundo e terceira pola esquerda), cos organizadores. C.ARIAS.
Dous dos gañadores (arriba, segundo e terceira pola esquerda), cos organizadores. C.ARIAS.

Andrea Araújo, Pedro Rielo e Toño Núñez gañaron coas súas micropoesías o primeiro certame

A cultura e a poesía sonan con forza nos Vilares. A entrega de premios das Vilariñas no primeiro certame de micropoesía organizado por Lareira de Soños, en colaboración con Culturalia GZ, dá paso a unha nova convocatoria de Poemas Pendurados de Farolas, unha iniciativa promovida polos mesmos colectivos co obxectivo de levar os versos a todo Guitiriz. 

Andrea Araújo, Pedro Rielo e Toño Núñez fixéronse cos galardóns desta primeira edición, que se pechou co acto de entrega na igrexa dos Vilares, onde a poesía encheu cada recuncho, compartindo espazo co frío. 

"A micropoesía galega ten nome propio e cal mellor que un nome feminino, agarimoso, galego, diminutivo como os pequenos poemas e inspirado nas herbas pequeniñas das que fala o grande Pepe do Vilariño, Díaz Castro, no seu poema Esmeralda", apuntou Antón Tenreiro, presidente de Lareira de Soños e un dos grandes promotores desta cita. 

Os versos encherán todo Guitiriz a partir do mes de xaneiro e esta vez a temática serán os lumes



"Vilariñas será un nome universal", dixo o presentador do acto, o tamén poeta Martiño Maseda, que falou da importancia da cultura, "que debe ser algo colectivo", antes de presentar a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín.

"Os Vilares segue a ser unha parroquia activa e esta pode ser a semente para que os Vilares siga sendo aldea e non desapareza", comentou a rexedora, que falou "dese aire ou herba especial que hai na Chaira para facer arte".  

No berce do poeta, Alfonso Blanco, o coordinador de Xermolos e un dos grandes valedores da obra de Díaz Castro, aproveitou o acto para falar da súa nai, para recoñecer "o traballo da muller galega no rural". Interviu tamén Fátima Fernández, de Nova Poesía Guitirica (NPG), e participaron na entrega de premios Sandra Tenreiro e Luz Campello.

Os asistentes colaborarán de novo para empezar o ano con máis versos. En xaneiro promoverán a terceira edición de Poemas Pendurados de Farolas, que trala súa estrea con poemas da NPG e unha segunda edición centrada na violencia machista, estará protagonizada esta vez polos lumes.

"A nova convocatoria está aberta a quen queira participar", indican os organizadores, que recordan que, como xa é tradición, haberá entre os poemas un de Xosé María Díaz Castro. Os versos deben enviarse a [email protected] ou a [email protected] A estrutura e a rima son libres.

A entrega de premios das Vilariñas dá paso a Poemas Pendurados de...
Comentarios