O Ceip Virxe do Corpiño de Begonte aposta pola educación integral

Ademais dos contidos tradicionais, conta cun horto, animais e un moderno programa de robótica
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Actividades educativas no Ceip Virxe do Corpiño

«Os alumnos poden aprender a plantar un tomate ou unha cenoria no horto escolar, coidar as pitas do galiñeiro que instalamos no patio ou aprender a voar un dron», explica o director do Ceip Virxe do Corpiño de Begonte, Eliseo Real, dando conta do obxectivo deste centro chairego que, sen descoidar a formación tradicional nas aulas, quere ir un paso máis alá e traballar sobre a «educación integral».

O colexio, que o vindeiro curso prevé ser plurilingüe, acollía a finais de febreiro unha xornada de portas abertas na que se tentou transmitirlles xusto este concepto a aquelas familias que se achegaron para coñecer a oferta lectiva e as instalacións do Ceip Virxe do Corpiño. Aínda que resulta difícil resumir nunha simple charla a actividade que se desenvolve no día a día deste pequeno centro onde cada paso que se dá ten unha razón de ser.

Coma a Ecopatrulla, un equipo rotatorio formado por catro alumnos, de primeiro a sexto de primaria, que vixía aspectos coma que se apaguen as luces, que non se malgaste auga ou que se recolla o lixo, unha responsabilidade que lles fai ser conscientes da necesidade de non desaproveitar recursos e de coidar o contorno.

Nun futuro confían en fotografar tomates ou leitugas a vista de dron

Nesa liña atópanse dúas grandes novidades do patio escolar, que buscan «promover o traballo cooperativo entre os nenos e que se comprometan co medio ambiente e asuman responsabilidades», di Eliseo. Por unha banda, están as tres galiñas que causaron sensación, regalo da familia dun alumno, mentres outras colaboraron na construción do galiñeiro. E a uns metros, un anaco de terra removida anuncia un novo proxecto. No Hortiño de Faiuco -a mascota do centro- queren usar «as sementes dos avós» e que os nenos as intercambien entre si. E nun futuro confían en fotografar tomates ou leitugas a vista de dron.

Porque se fóra se aposta polo sector agropecuario, dentro gárdanse dúas maletas tecnolóxicas que permiten traballar conceptos de robótica, deseñar videoxogos ou crear contidos en 3D ou hologramas. Os nenos tamén teñen á súa disposición media ducia de robots educativos e outros tantos kits de construción de Lego. O Ceip sumouse ao novidoso proxecto Digicraft que desenvolven en 50 centros galegos a Fundación Vodafone España e a Xunta.

O alumnado mesmo ten o seu propio recinto para experimentar, tras habilitarse o chamado Espazo Maker, «unha aula de liberdade creativa para o alumnado, que teñen á súa disposición para crear o que queiran», resume Eliseo. Contan cunha impresora 3D, grazas ao apoio do Politécnico de Lugo, cunha zona multimedia dende a que emite Radio Corpiño, ou cun croma.

A dirección do centro incide tamén en que a aprendizaxe por proxectos é unha peza fundamental e así destaca o labor de Faiuco, que cada curso desenvolve unha iniciativa distinta. Neste, viaxa polo mundo e descobre os países de orixe dos estudantes escolarizados en Begonte, para que os seus compañeiros poidan coñecer a súa cultura ou a súa gastronomía, con xornadas nas que tamén se implican as súas familias.

Implicación da comunidade educativa
o Ceip Virxe do Corpiño ven «importantísimo» o traballo das familias na educación dos seus 52 alumnos, implicándoas nas actividades do centro, cunha resposta máis ca positiva. Por exemplo, unha delas cedeu a pintura para que se pinte o peche do recinto.
Escola de Nais e Pais
Este curso creouse a Escola de Nais e Pais, cunha gran resposta por parte das familias. A primeira sesión foi o taller Aprendo con Connor, un can que xa é un máis da comunidade educativa. No segundo encontro, un garda civil deu conta dos perigos de internet ou das redes sociais. A resolución de conflitos ou a robótica tamén se abordarán.
Anpa As Faias
Este curso recuperouse a Anpa para axudar ao centro. Xa fixeron o Papá Noel, puxeron mesas e bancos no patio e tamén contedores para recoller tapóns —queren comprar libros e material escolar para quen o precise— e para fomentar a reciclaxe selectiva. Pintar un mural ou habilitar unha cociña son outras das súas propostas, unha vez que xa acadaron o compromiso do Concello de pór en marcha o Plan Madruga.
Doazón de alimentos
O centro educativo colabora tamén co Concello de Begonte entregándolle a comida sobrante do comedor escolar a aquelas persoas que determinan os servizos sociais municipais.

Comentarios