A CHAIRA, 15 ANOS: OPINIÓN

Ensino rural

Directora do IES da Terra Chá e da Escola de Movemento
Pizarra de una clase de matemáticas. PIXABAY
photo_camera Pizarra dunha clase de matemáticas. PIXABAY

Escoitamos campañas que prometen un mellor futuro para o rural con máis postos de traballo, mellores vías de comunicación... Pero como pode iniciarse o camiño para un rural con futuro sen pensar primeiro en reforzar e protexer o ensino?

Non son quen de ver ese rural próspero sen xente nova nel. E non vexo xente nova no rural sen asegurar unha opción de futuro para as súas crianzas. Cal é a mellor opción? Pois Educación! Apostando por colexios e institutos rurais.

Cada comezo de curso atopo familias desesperadas por encaixar unha parada de bus digna. E digo digna porque a opción é desprazarse distancias de ata dous quilómetros no medio da noite chuviosa das mañás de inverno. E máis doe ver como o futuro que agarda a administración para o noso alumnado rural non vai máis aló do título da Eso, ao deixalos sen dereito a parada se deciden cursar un bacharelato ou ciclos, tendo que adaptarse á máis próxima co alumnado da Eso. 

E que foi dos contratos con empresas locais que tan bo servizo nos prestaban e que tamén formaban parte dese proxecto de futuro fixando postos de traballo?

Agora a pandemia deixa aberta a dixitalización do ensino. E como facemos no rural sen conexión? A casa polo tellado. Non máis familias collendo o coche na procura dunhas ‘raíñas de conexión’ para enviar as tarefas. E non berramos dabondo cando seguen pechando escolas rurais que deixan meniños e meniñas dende os tres anos viaxando en bus por parroquias ata chegar a coles que os afastan dos seus fogares alongando máis a xornada escolar e perdendo tempo de medrar en familia.

Aínda con todo, os que formamos parte dun ilusionado equipo de docentes rurais non deixamos a loita porque sabemos que estamos na rede educativa que, en moitos dos casos, nos permite ratios máis baixas, o que leva parello a posibilidade de traballo por proxectos, traballo colaborativo e un fermoso e necesario apoio emocional ao noso alumnado.
Namorada do ensino rural! Primeiro chanzo para comezar a falar de futuro das nosas aldeas.

Comentarios