Martes. 25.06.2019 |
El tiempo
Martes. 25.06.2019
El tiempo

C.P.R./T.L.

En recordo de Angelines

As amas de casa de Meira lembraron á súa fundadora. T.LÓPEZ
As amas de casa de Meira lembraron á súa fundadora. T.LÓPEZ


A asociación de amas de casa Río Miño celebrou a súa comida de primavera, na que se homenaxeou á fundadora e impulsora da entidade, "un símbolo" para Meira

Un 6 de novembro do ano 1986 nacía en Meira a asociación de amas de casa Río Miño, unha entidade que non sería posible sen o impulso e o esforzo persoal de Angelines Fernández, presidenta da mesma durante máis dun cuarto de século e nomeada presidenta honorífica no momento da súa retirada. 

Así o recorda a súa sucesora no cargo, Pilar Jartín, que leva preto dunha década á fronte dun colectivo de mulleres que vén de celebrar a súa tradicional xuntanza anual de primavera cunha comida gratuíta en Casa Cazoleiro. O encontro, ao que asistiron unhas 70 persoas, aproveitouse para renderlle homenaxe a quen foi alma máter da asociación, Angelines, finada no mes de maio aos 84 anos de idade.

A entidade, que celebra xuntanzas cada 15 días ademais doutras actividades, fundouse en 1986 e hoxe suma unhas 130 socias

"Foi un símbolo en Meira", asegura Pilar, que lembra por exemplo que nos inicios da asociación impulsou viaxes a distintos puntos de España e mesmo fóra das fronteiras nacionais, posibilitando que "xente que nunca vira un hotel coñecese Sevilla, Lourdes, Zaragoza, León, Madrid...". 

A placa conmemorativa, que recolleu a súa nora Haydee Losada, tamén membro da directiva, e que se colocará no local social das amas de casa, na casa do concello, busca recoñecer todos os anos de "traballo e esforzo" dunha muller que se implicou ao máximo coa asociación, promovendo numerosas actividades a través da que foi a primeira asociación da vila, durante anos tamén a única, e que na actualidade suma ao redor de 130 integrantes.

E aínda que deixase de ser a presidenta, seguía traballando a prol da entidade e asistindo ás actividades que podía, como á tradicional xuntanza de inicio de tempada, en outubro do ano pasado. Daquela tomou a palabra, o que non era moi habitual nela, segundo lembra Pilar, para amosar a súa felicidade porque se seguisen facendo cousas e o seus desexos e a súa ilusión por que a entidade siga funcionando e facendo propostas na vila.

E aínda que reduciron o volume, posto que a oferta de actividades se ampliou considerablemente dende os inicios da asociación de amas de casa, manteñen varias propostas fixas, coma a súa xuntanza quincenal, os mércores de feira, na que as socias comparten conversas e merenda, ademais de botar a partida.

Tamén organizan algún que outro curso, sobre todo de manualidades, apunta Pilar, que agradece a participación das socias nas actividades que se propoñen, destacando que a directiva trata "de facer as cousas o mellor que se pode".

En recordo de Angelines
Comentarios