En loita contra a invasora

Algo máis dunha ducia de apicultores de distintos recunchos de Vilalba uníronse para crear a asociación Serra da Carba

Integrantes da nova asociación de apicultura Serra da Carba. M. MANCEBO
photo_camera Integrantes da nova asociación de apicultura Serra da Carba. M. MANCEBO

Un grupo de apicultores das parroquias vilalbesas de Lanzós, San Simón da Costa e Vilapedre, e da veciña Lousada, en Xermade, acaban de unirse para crear a asociación Serra da Carba.

A entidade quere converterse "nunha ferramenta útil" para dar a coñecer "os valiosos recursos" que hai no medio rural, ademais de para poñer en valor o mel, "un produto excelente", segundo o cualificaron.

Estes son a grandes rasgos os obxectivos cos que iniciou a súa andaina a entidade, que foi presentada na antiga escola da Pedragosa, en San Simón da Costa, nun acto no que se deron cita ao redor dunha trintena de veciños e de curiosos, e no que tamén estiveron presentes membros da corporación municipal e voluntarios de Protección Civil.

E é que un dos temas centrais nos que versou a primeira xuntanza pública da asociación foi a problemática da proliferación en terras chairegas da vespa asiática, unha especie invasora "contra a que hai que loitar", aseguraron os apicultores, que solicitan o apoio das administracións para facer campañas de concienciación, así como para promover iniciativas de trampeo entre a veciñanza e cursos de formación para os socios.

Un dos acordos aos que se chegou foi o de organizar un obradoiro con expertos antes da primavera, unha época importante, xa que é cando hai que comezar a colocar as trampas para capturar as raíñas.

A entidade, que quere poñer en valor o mel, tamén desenvolve campañas de trampeo contra a velutina

Os socios da entidade, que preside Iván Díaz Souto —que está acompañado na directiva por María del Mar Trastoy, como vicepresidenta; Dulce María Barro, como secretaria; José Trastoy, como tesoureiro, e José Orosa e Álvaro Cobas, como vogais— xa realizaron pola súa conta diversas iniciativas na súa particular loita contra a invasora.
"Capturamos na primavera de 2017 1.600 raíñas e en 2018 algo máis de 2.000 nas parroquias de San Simón, Lanzós, Vilapedre e Goiriz", explicou o presidente, quen espera "aumentar" o número de capturas, "pois temos novos socios doutras parroquias", confirmou.

Ademais de trampas, estes afeccionados á apicultura tamén retiraron "29 niños, a maior parte situados en interiores de naves, garaxes ou alpendres", indicaron, esperanzados en que moitos máis veciños se impliquen con esta problemática.

"Comezamos dez socios e agora xa somos 15. Estamos abertos a recibir a todo o mundo xa que a velutina é un problema compartido", incidiu Díaz.

Comentarios