lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

CONCEPCIÓN BRAÑA REY

En lembranza de Concha

Diploma acreditativo dos seus estudos. EP
Diploma acreditativo dos seus estudos. EP
O Concello prevé solventar unha débeda histórica e dedicarlle un espazo público a unha vilalbesa cuxo labor como matrona, axudando a nacer a "milleiros de nenos" durante máis de 40 anos, aínda non contaba con ningún recoñecemento oficial

ÁNGEL CARREIRA, vilalbés asentado en Madrid, finaba na súa benquerida e nunca esquecida poboación natal hai preto de dous meses. Sobre a mesa, ao seu carón, deixaba unha pequena nota manuscrita: "Desde los tiempos en que Vilalba tenía prensa propia, tal como El Heraldo Vilalbés, se viene mencionando el nombre de doña Concha, que debiera tener reconocimiento por parte del Concello (...) Un señor que no tiene más mérito que ser hijo de este pueblo presentó formalmente el escrito en el excelentísimo Concello a favor de doña Concha".

A folla reflectía o que viña sendo unha teima persoal de Ángel dende había tempo, acadar un recoñecemento público para Concepción Braña Rey, coñecida popularmente como Concha da Reina —na vila— ou como Doña Concepción —nas aldeas—, polo seu desenvolvemento profesional como matrona, e tamén pola súa entrega persoal, durante máis de 40 anos.

Só dous días antes do seu pasamento, Ángel acudía ao Concello vilalbés para formalizar a súa petición: que Vilalba a honrase solicitándolle ao Sergas darlle o seu nome ao ambulatorio ou, no caso de non ser posible, dedicándolle unha rúa. E aínda que Ángel non estará para velo, a súa petición, que mantivo viva Ramón Álvarez Ceide, será atendida. Tanto a alcaldesa, Elba Veleiro, coma a concelleira de cultura, Vanesa Siso, confirmaron o desexo do goberno local de lembrar a Concha, mais descartaron inicialmente a idea do centro de saúde, por non depender da administración local, apostando por facer algo máis inmediato e sobre o que tivesen competencias.

Así, está previsto que a vindeira semana se inicie un expediente para este fin, por decreto de alcaldía, sempre que exista a conformidade de todos os grupos, o que non será un problema. O paso último será aprobar a homenaxe, e a fórmula para facela, en pleno. E, a falta de concretar detalles, a idea é renderlle tributo nun espazo da localidade relacionado coa infancia. Tamén a familia de Concha, sabedora da preocupación existente entre algúns veciños por lembrar a súa figura, se interesou pola posibilidade de facerlle algún tipo de recoñecemento.

Concepción Braña atendeu o parto de varias xeracións de vilalbeses

"A familia non empuxa a que se faga nada, pero a nós claro que nos gustaría, porque sabemos perfectamente o traballo que fixo", explica a súa neta, Esther Álvarez, lembrando que a súa avoa atendeu o parto de varias xeracións de vilalbeses, de "milleiros de nenos". E non só iso, porque o seu labor ía moito máis alá. Cando a situación o requería tamén era psicóloga, asesora, conselleira...

"Non había neno que se lle resistise", conta Esther, destacando que, aínda que tivo "moitas ofertas para irse", xamais quixo deixar Vilalba. "Tiña unha obriga moral co seu traballo, saía a onde fose necesario, cando fose necesario, sen facer distincións de clases", precisa. E é que Concha tanto atendía os partos das familias dos médicos, coma da familia de Fraga, coma o de calquera veciña que a necesitase, independentemente de que tivese, ou non, recursos para pagarlle. E iso que o seu soldo, municipal, non era moito. "Dicíanlle que tiña que cobrar, pero ela non podía cobrar onde non había nada", recorda Esther que adoitaba dicir.

"Practicaba o feminismo, aínda que ela non o soubese, era unha muller loitadora, avanzada ao seu tempo", asegura Esther, que tamén destaca de súa avoa, ademais da súa inmensa valía profesional, perfectamente contrastada polo seu desempeño diario durante máis de catro décadas, a súa empatía, a súa seriedade e responsabilidade, a súa humanidade e honestidade ou a súa discreción. "Ela entrou en todas as casas de Vilalba, botaba nelas horas e ás veces días, sabía todo de cada casa e xamais contou nada", lembra.

E aínda que en cada unha das palabras de Esther Álvarez se apreza o cariño por súa avoa, non é o sangue compartido o que as motiva, igual que foi un capricho persoal o que levou a Ángel Carreira a querer lembrala. Tampouco o Concello decidiu honrala para cumprirlles o gusto, para quedar ben. Non. A realidade é que calquera homenaxe, por pequena que sexa, servirá para recordar a quen foi o anxo da garda de bebés, nais e familias durante décadas, cunha entrega total. Porque cando se pregunta por Concha da Reina en Vilalba, sobre todo entre as xeracións de máis idade, todos a coñecen, e a impresión que quedou dela é sempre a mesma: "Era moi boa".

Labor aprendido na casa e titulado por un rei
Nacida no ano 1900 en Vilalba, veciña da Rúa do Sol e finada en 1986, Concha recibía o alcume da Reina polo apelido de súa nai, Rey. Da súa proxenitora, Dolores, tamén aprendería unha profesión á que se dedicou en corpo e alma, converténdose nunha das primeiras en ter a titulación oficial de matrona. O diploma acreditativo data do 14 de decembro de 1925 e fora expedido polo Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes e asinado polo monarca Alfonso XIII.

COLEXIO
En 1929, Concha é unha das seis comadroas, xunto a nove practicantes, que fundaron o Colegio de Practicantes y Comadronas de Lugo.

CONTRATO
Concha da Reina traballaba para o Concello e, moitos anos despois de titularse, tamén ingresaría na atención pública da Seguridade Social.

PUBLICACIÓNS
Unha publicación na páxina 2 do número 201 do Heraldo de Vilalba, en 1927, presentábaa como profesora de partos e, ao longo dos anos, foron diversos os persoeiros de Vilalba, coma Ramón Chao, Bernardo García Cendán ou Martín Seco, que escribiron sobre ela.

En lembranza de Concha
Comentarios