viernes. 27.05.2022 |
El tiempo
viernes. 27.05.2022
El tiempo

Emprender como filosofía

Xosé María Teixido, nunha das naves da empresa no Pazo. EP
Xosé María Teixido, nunha das naves da empresa no Pazo. EP
En agosto cumpriranse 42 anos dos inicios profesionais de Xosé María Teixido, quen en 1988 fundaba en Guitiriz unha firma na que hoxe traballan 37 persoas en catro empresas, nas que tamén están a súa muller, Teresa López, e unha das súas fillas, Verónica

A hostalaría era a súa referencia laboral dende que era pouco máis ca un neno, polo que resulta case lóxico que o seu primeiro paso como emprendedor, aínda que daquela a palabra case nin se usase, fose ter o seu propio bar. Que o fixese con apenas 20 anos podería parecer prematuro, pero as máis de catro décadas transcorridas dende entón proban que o guitiricense Xosé María Teixido é, ante todo, un emprendedor. E aínda que sempre pode haber algunha pedra no camiño, a súa traxectoria profesional á fronte do que hoxe é o Grupo Teixido -integrado pola funeraria e a florería Teixido, Guitiriz Flor, Promociones Teixido e Verde Jardín- dá testemuño do que é un empresario feito a si mesmo e de saber aproveitar as oportunidades cando aparecen.

Nado nas Negradas en 1960, e tras traballar en varios negocios, coma na Casilla, en 1980 alugaba un pequeno bar en Lugo. O negocio ía ben, así que arriscou e colleu un local máis grande. No 82 abría o Mesón do Teixido na Rúa Catasol e, entre conversas ao redor dunha barra na que recibía moitos clientes de Guitiriz e a súa experiencia como condutor de ambulancias e cabo de posto ao prestar o servizo militar na Cruz Vermella en Parga e en Outeiro de Rei, descubriu que Guitiriz non tiña vehículos fúnebres nin licenzas de funeraria, malia que había catro negocios que vendían féretros.

Volveu mirar cara ao futuro, traspasou un negocio de hostalaría que funcionaba ben e, cos fondos conseguidos, en 1988 fíxose coa licenza, que segue a ser a única de Guitiriz, e fundou unha funeraria que vén facendo unha media de 90 enterros ao ano e que foi testemuño do gran salto do sector nestas máis de tres décadas.

Teixido é consciente de que a cremación é o seguinte paso, pero tamén de que non ten présa, pois supón un custo engadido e, a diferenza das cidades, onde os panteóns se alugan, nas aldeas mantéñense o nichos en propiedade

"Hai 34 anos non había alumeados públicos nas aldeas, todo se velaba nas casas e na maioría delas tamén había pouca luz e en moitas, cuartos de madeira e espazos pequenos, polo que era habitual ter que desmontar mobles para o velorio", conta dos inicios nun negocio que tamén o levou a cofundar, con outros seis socios, Velatorios Lucenses hai 25 anos.

Cando as vellas cortes das casas comezaron a converterse en comedores, o traballo fíxose máis fácil, pero ao tempo tamén se comezou a estender o uso dos tanatorios, "e iso levou máis xente aos rezos, porque así saían da casa e socializaban". Vendo a tendencia, en 1996 abría o seu, que hoxe ten tres salas, da que as dúas orixinais serán reformadas en breve.

Teixido é consciente de que a cremación é o seguinte paso, pero tamén de que non ten présa, pois supón un custo engadido e, a diferenza das cidades, onde os panteóns se alugan, nas aldeas mantéñense o nichos en propiedade. O que si destaca, e que quizais a pandemia reforzou, é que os actos fúnebres cada vez se centralizan máis nos propios tanatorios, algo a ter moi en conta para o futuro.

FLOR. Salvo petición expresa da familia ou do defunto, é difícil imaxinar un enterro sen flores. E por iso, engadirlle o servizo de florería á funeraria foi case imprescindible, igual que veu dado o tentar abaratar custos coa produción propia. E unha vez que se produce para un, por que non comercializalo?

Asegura que a xestión do concello é moi diferente á dunha empresa, aínda que teñen algo en común: requiren das 24 horas os 365 días do an

Hoxe Teixido Flor, vinculada a Interflora dende hai anos, subminístralle flor a uns 450 clientes de Galicia, Asturias e León. Produce unha decena de variedades -a statice é a máis vendida- entre marzo e novembro e o resto do ano importa do sur de España e de Holanda, Colombia e Ecuador.

A demanda dos clientes supuxo ademais a creación de dúas novas firmas: Guitiriz Flor (2000), que comercializa accesorios -bandexas, cerámica, cristal, aros, esponxas...- e Verde Jardín (2015), centrada nas plantas.

CONSTRUCIÓN. Como todo contido necesita un continente, Teixido tivo claro que quería facer o seu propio local. Impulsaba así un edificio na actual Rúa do Concello, onde hoxe ten as oficinas do grupo, a tenda e o tanatorio. Aproveitando a obra, construíu doce pisos, dos que vendeu dez. As súas condicións tiveron boa aceptación, a xente preguntáballe se ía facer máis e así construíu dous edificios máis en Guitiriz, un a só uns metros do primeiro e outro no Curro Vello, e outro na Praza Andón Cebreiro de Friol. Promociones Teixido nacía en 2006 e hoxe ten varios proxectos en carteira.

E como a Teixido sempre lle gustaron os desafíos, en 2003 reabriu a estación de servizo do Buriz e en 2011 aceptou o reto de liderar a candidatura local do PP pola súa amizade con José Manuel Barreiro e con José Manuel Balseiro. Foi alcalde ata 2015, unha experiencia da que recoñece que aprendeu moito, malia a tocarlle unha época difícil pola crise económica.

Asegura que a xestión do concello é moi diferente á dunha empresa, aínda que teñen algo en común: requiren das 24 horas os 365 días do ano. Malia iso, e a ter máis de 40 anos cotizados, Teixido non pensa na xubilación: "Véxoa lonxe, dos 70 para adiante...".

Emprender como filosofía
Comentarios