Se eu fose alcaldesa...

"Emprego, mellora de servizos, transparencia e sanear economicamente o Concello son os meus obxectivos como candidata en Pol"

Nicole Grueira. EP
photo_camera Nicole Grueira. EP
Nicole Grueira
Candidata do PP en Pol
Idade: 21
Lugar de nacemento: San Martiño de Ferriros
Primeiro ano como candidata: 2023
Afeccións: Estar coa familia e amigos, ler e o turismo gastronómico


Con tan só 21 anos, Nicole Grueira é a candidata máis moza do Partido Popular en Galicia. É estudante de Ciencias Políticas na Universidade de Santiago de Compostela e unha gran apaixoada do seu pobo. Tal é así que o estancamento que sofre o seu municipio durante tantos anos de goberno socialista, foi un dos motivos que a esta comprometida universitaria lle fixo dar o paso á primeira liña da política e liderar o proxecto de cambio en Pol. Así, recoñece que "isto xérame a oportunidade de ser útil e axudar ao concello no que nacín". Para elo, considera que a fórmula para logralo é aplicar un proxecto eficaz e eficiente para erradicar a inestabilidade e garantizar un benestar a todos os veciños e de todas as idades. "Para min a política é unha ferramenta que permite que a sociedade mellore", remarca plenamente convencida e moi segura de si.

A alcaldable defende que hai que traballar con sentido e manifesta que porá todo o esforzo e entrega para dar os pasos acertados e guiar o seu concello á prosperidade. Sinala como unha das súas prioridades ampliar a oferta de emprego e o mercado de vivendas, poñendo así políticas que permitan asentar poboación. Este é un elemento que cualifica de primordial para frear a sangría demográfica. Asemade, sinala que crear un polígono industrial, formar e asesorar á xente moza emprendendedora, aproveitar a oportunidade que supón ser un municipio situado preto de Lugo ou a rehabilitación de locais e antigas escolas abandonadas son exemplos que darían solución á perda poboacional e ao escaso desenvolvemento socioeconómico de Pol.

Mellora das vías municipais e das comunicacións

Nicole Grueira sinala que é imprescindible un arranxo completo de todas as pistas que continúan en mal estado, pois supoñen un prexuízo notable para os veciños na súas rutinas diarias e, en consecuencia, un risco no caso de calquera emerxencia que poida acontecer.

Os maiores, gandeiros e sector forestal

Garantir o benestar de toda a veciñanza, en especial ás persoas en situación de máis vulnerabilidade centra outro dos compromisos que asume a alcaldable popular.

"O meu proxecto estará ao carón dos nosos maiores, aos que tanto lles debemos, pero tamén queremos dar facilidades para a conciliación familiar, incentivar o tecido asociativo e potenciar sectores con tanto peso, como o forestal e gandeiro".

Rigor na situación financiera

Ante a crise financeira á que está sometida a veciñanza de Pol, "debido a mala xestión do goberno local", Nicole Grueira aposta polo rigor na xestión dos fondos do Concello. Pol ten unha débeda municipal "de 1.361.005 euros" que, a xuízo da candidata, é "elevadísima" para un concello tan pequeno; un reflexo —di— "do declive, que nos está arruinando". A crítica situación económica preocúpalle e debe ser atallada, pois "se a débeda segue medrando, xunto co descenso da poboación e a falta de emprego e vivienda, chegará un momento no que o Concello será dependente", indica.

Goberno máis transparente

Avoga por un goberno máis transparente e cercano; que estea preto de todos os veciños e veciñas, independentemente de factores externos.

Trátase —apunta— de que "todos os cidadáns sexan benvidos por igual". Porén, considera que a transparencia debe rexer a acción do novo goberno que saia das urnas o vindeiro 28 de maio.

"Ante a falta de transparencia, nós amosámonos como un goberno máis transparente, reducindo a distancia entre a administración local e os veciños, dando lugar a un concello cercano. Vamos a traballar polo cambio, priorizando os intereses da veciñanza e proporcionándolles un futuro con oportunidades de avanzar", destaca a candidata do PP á alcaldía de Pol.

Estabilidade gubernamental
Con 21 anos, Nicole Grueira demostra que está preparada para protagonizar o cambio político no municipio de Pol. A candidata do Partido Popular á alcaldía de Pol incide na necesidade de que se cree un parque industrial no municipio e encara esta nova etapa con moita forza e ilusión pero, sobre todo, coa madurez necesaria para por fin á imaxe deste Concello "tan cuestionada publicamente" e creada polo alcalde socialista, xa que —segundo di a alcaldable popular— "nin nos representa como persoas e moito menos como pobo". "Non hai peor cousa para un alcalde que saír nos medios de comunicación por ser o autor de condutas condenadas xudicialmente.

Os veciños e as veciñas polenses merecen e merecemos máis respecto. Por iso, me entrego ao 100% neste proxecto que encabezo, porque outra forma de facer as cousas é posible. Certamente, non é o mesmo que gobernemos uns a que sigan gobernando os mesmos. Fronte á crispación que temos hoxe en día no noso Concello", conclúe Nicole Grueira, "o proxecto político que represento ofrece garantías de xestión, diálogo e estabilidade gubernamental para un municipio que así o precisa".

Comentarios