A 'empedrada' rexorde dende a tradición

O Concello de Meira restaurou un anaco da historia da localidade coa recuperación dos letreiros do Paseo Central da Praza Maior

Paseo Central de Meira. C.PÉREZ
photo_camera Paseo Central de Meira. C.PÉREZ

A RAPAZADA non falta á súa cita co baile na vila, co imprescindible paseo pola empedrada lucindo as mellores galas. Para ver e ser vistos. Dende as ventás ou os balcóns da rodeada, os mozos de antano botan unha olladiña un tanto curiosa, un tanto indiscreta. Se cadra logo hai voda. Unha tarde de domingo calquera no Paseo Central de Meira. As celebracións das Candeas, das Festas do 15, a feira quincenal dominical, xogos e xincanas... Que meirego non sentiu ese andadeiro empedrado definido por unha vintena de plataneiros coma a súa segunda casa?

Cóntase que un camión fixo desaparecer o letreiro orixinal dunha das cabeceiras do Paseo Central alá onde se perde a memoria, como lle pasaría moitos anos despois a unha non menos emblemática fonte. Aínda manan bágoas por ela. Será que a historia é cíclica. O outro sobrevive nos recordos dos que contan os anos en décadas. Tamén nun vello alpendre municipal. Xubilouse, o tempo non pasa en balde nin sequera para os obxectos, mais serviu de modelo para os que quixeron respectar a tradición.

O Paseo Central de Meira volve ser tal. Quizais nunca deixase de selo, pero cando os ollos ven, o corazón semella sentir máis. E son moitos os meiregos que senten que un anaquiño da súa memoria colectiva, da súa historia, foi restaurado. Un símbolo dunha época que xa non é, pero permanece.

Mantense o Centro, local municipal que coma unha ave fénix rexurdiu en pedra das cinzas dun lume, disque, provocado por unha estufa e acelerado pola vella estrutura de táboas. A pedra tamén substituía a primixenia madeira daquel palco de música imperecedoiro nas fotografías en branco e negro, mentres que o aglomerado e un paso de peóns tridimensional gañaron protagonismo na rodeada, no canto da terra.

O son dos motores agocha os chíos dos paxaros. Non importa. As exóticas árbores definen mellor ca nunca o eterno e atemporal paseo empedrado e convidan a sentarse nun banco. A respirar. Un oasis de paz no ir e vir continuo dunha vila chea de vida.

Aqueles que toman decisións dende o antigo mosteiro cisterciense que mudou en casa do pobo acondicionaron a Praza Maior que o acubilla. Renovaron asfalto, beirrarúas, sinalización, alumeado, mobiliario urbano... E fixeron memoria. O Paseo Central volve ter nome en cada cabeceira. Dous letreiros e centos de historias individuais e colectivas. As vivencias dun pobo en 24 letras.

Comentarios