Emotivo recordo a Manuel de Lea en Xermade

A asociación Lareira de Soños organizou un acto en Momán para nomear a este vilarego como Trapeiro de Honra. Unha sentida homenaxe na que estiveron familiares e achegados
Familiares de Manuel de Lea xunto co alcalde de Xermade, Roberto García, e representantes de Lareira de Soños. D. CABO
photo_camera Familiares de Manuel de Lea xunto co alcalde de Xermade, Roberto García, e representantes de Lareira de Soños. D. CABO

"Así era Manuel Fernández Corral, o fillo de Cándida e Juan de Lea. Un señor no sentido máis amplo, un bo home con naturalidade e graza que lle facían conservar ese espírito xovial e pícaro do neno de Lea de Baixo", comeza o texto escrito por Pastora Veres en referencia a Manuel de Lea, Trapeiro de Honra a título póstumo. O vilarego foi homenaxeado na capela de Santo Antón, moi pretiño da casa onde vivía na parroquia xermadesa de Momán.

Unha das súas fillas, Lupe Fernández, non puido conter as bágoas falando sobre o seu proxenitor, que faleceu aló por setembro aos 99 anos. "Era un gran home, sempre disposto a axudar. Para nós érao todo", sinalou. Entre algunha das ensinanzas que Manuel amosou aos seus, Lupe recalcou unha ben importante. "Ensinounos que cada un aporta o que ten, hai que respectar a todas as persoas. Ninguén é máis que ninguén", afirmou mentres poñía a vista sobre os seus irmáns e daba as grazas pola organización do evento.

A numerosa familia de Manuel de Lea e os seus achegados xuntáronse nesta celebración que puxo en valor, unha vez máis, a súa vida. A dunha persoa polifacética e traballadora que, viúvo, sacou adiante unha gran familia "unida e feliz". Labrego, zoqueiro, garda civil ou responsable dunha tenda foron algúns dos oficios que desempeñou no longo do seu camiño.

"Manuel representaba a vida rural, levaba con orgullo as súas orixes nos Vilares (Guitiriz). Presumía da parroquia alá por onde ía. Era un home bo e xeneroso", recordou Antón Tenreiro, presidente de Lareira de Soños, a asociación promotora do acto.

O crego de Momán, Luis Rodríguez, salientou a figura de Manuel Fernández. "Era un exemplo de saber envellecer. As súas ganas de vivir deben servirnos a todos como un espello", dixo. Tamén houbo tempo para os sorrisos, cando o párroco recordou que estaba "enfadado" con el pola vitalidade que desprendía a pesar da súa avanzada idade, en contraposición con el mesmo, máis novo. "Eu víao e dicíalle, ogallá chegar coma ti", lembrou o sacerdote.

Era un exemplo de saber envellecer. As súas ganas de vivir deben servirnos a todos como un espello"

O alcalde de Xermade, Roberto García, tamén tivo a oportunidade de dar unhas agarimosas palabras. "Era unha desas persoas ás que se lles quere. Tiña moi boa amizade con Manuel. Era un home que tivo que facer múltiples traballos, sen dúbida, un universitario da vida", describriu. "Seguro que alá onde estea, estanos vendo e está contento", concluíu entre os aplausos dos alí presentes.

Para pechar este emotivo acto, a familia recibiu un agasallo que gardará como un tesouro. Unha peza exclusiva, realizada pola deseñadora Viki Rivadulla, que representa a faciana de Manuel de Lea, que, dunha forma ou de outra, sempre estará con eles.

Comentarios