O Eme dá outra visión ás distancias no casco urbano vilalbés

O estudo de mobilidade reflicte que o centro da vila ten dimensións similares ao centro comercial As Termas
Casco urbano de Vilalba. EP
photo_camera Casco urbano de Vilalba. EP

Se alguén se pregunta para que serve o Estudo de Mobilidad e Espazo Público (Eme) que encargou o Concello de Vilalba, pode ser que de inicio non lle atope unha razón de ser. Pero a medida que esta iniciativa vai avanzando van xurdindo datos e ideas que  poden facer cambiar a visión que temos do casco urbano vilalbés.

O obxectivo principal do Eme é a combinación entre a mobilidade sustentable e os hábitos de vida saudables, onde a mobilidade peonil é clave. Os resultados que se están obtendo, tanto das análises técnicas como participadas, corroboran "a potencialidade do casco urbano de Vilalba como espazo percorrible a pé", tal e como sinalan desde Planificación TEC, firma encargada de realizar o Eme. A isto, ademais, únese que nas enquisas á cidadanía se lle dá unha alta valoración ás medidas relacionadas coa mellora da accesibilidade e a rede peonil. 

A pesar disto, moitas veces hai unha barreira psicolóxica que leva a asociar percorridos como longos ou curtos en función de onde se estea e o motivo que leva a facelos. "Así, moitas veces facemos percorridos que nos parecen curtos sen darnos conta de que son moito máis longos que outros que non fariamos a pé", din os técnicos.

O Eme axudou a plantexar unha equivalencia curiosa, tomando como mostra un espazo de referencia en canto a compras para os vilalbeses, como é o centro comercial As Termas de Lugo. "Ten unhas dimensións equivalentes a gran parte do casco urbano de Vilalba. Que significa isto? Pois que dende onde deixamos o coche no centro comercial ata as tendas, e no noso percorrido para distintas compras, camiñamos distancias maiores que se en Vilalba fósemos camiñando dende o centro de saúde ao Gadis ou dende os colexios ao casco vello", explican.

Esta comparación quere invitar a reflexionar sobre o uso que se fai do vehículo neste tipo de distancias, o cal "en moitos casos supón investir máis tempo entre a recollida do vehículo, o tránsito e o aparcamento, alén doutras vantaxes que pode supor comezar a facer estes percorridos a pé, como ter hábitos de vida máis saudables e a contribución á mellora ambiental da vila".

ENQUISAS. A análise dos datos das enquisas á poboación conclúen que os veciños entenden como prioritario mellorar a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida e maiores, a creación de novos aparcadoiros na contorna da vila e mellorar e completar a rede peonil e as beirarrúas.

Tamén se fixeron traballos de medición de fluxos rodados, un estudo específico na rúa onde están os centros educativos e entrevistas con axentes clave para completar a diagnose técnica, como paso previo á fase de propostas, que se iniciará neste 2021. 

Comentarios