Elías Trabada: "A Pastoriza precisa unha diversificación na súa economía"

O sociólogo polense vén de publicar unha investigación cualitativa, cuantitativa e propositiva, que aborda a crise demográfica do municipio chairego
Elías Trabada na presentación do seu libro na Casa da Cultura da Pastoriza. NOEMI FERNÁNDEZ
photo_camera Elías Trabada na presentación do seu libro na Casa da Cultura da Pastoriza. NOEMI FERNÁNDEZ

Elías Trabada Crende, natural de Pol,  leva adicada a súa vida profesional de sociólogo á investigación social aplicada, sendo tamén profesor na Universidade de Vigo, onde imparte asignaturas especializadas en turismo, educación, traballo, consumo e identidades culturais. A raíz do seu labor como investigador, o alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, propúxolle estudar a situación demográfica do municipio, a cal expón nun libro que publicou o Concello co apoio da Deputación de Lugo.

En que se centra o estudo?
O libro, e polo tanto o estudo previo, trata de analizar a crise demográfica que sofre A Pastoriza, tendo en conta non só a evolución e estrutura da poboación senón tamén da economía, así como doutras dimensións relevantes como a sociedade e a cultural pastoricenses.   

Non se focaliza exclusivamente na demografía.
Non, dado que a crise demográfica é un fenómeno complexo que debe observarse e analizarse cunha perspectiva de pluridimensionalidade para ver cales son as diferentes causas e factores que provocan unha perda de poboación estructural e continuada, ano tras ano.

Que métodos empregaron para estudar os aspectos mencionados?
Utilizamos unha metodoloxía plural e complexa. O proxecto de investigación social desenvolveuse durante o ano 2019 e xerou tres tipos de estudos e informes: o primeiro, cuantitativo baseado en datos e indicadores procedentes de fontes estatísticas secundarias; o segundo, un informe cualitativo centrado na análise dos relatos e discursos emitidos por diferentes informantes dos grupos e redes sociais formais e informais do concello da Pastoriza;  e, por último, un estudo propositivo que consistiu na elaboración dunha proposta de Estratexia de Desenvolvemento Local para o concello. Ante a complexidade desta crise demográfica só a partir dun coñecemento máis integral da situación poderiamos deseñar unha estratexia municipal de desenvolvemento endóxeno idónea e adecuada. 

Cando comeza esta situación de crise en A Pastoriza?
A partir de 1940, sobre todo co desenvolvemento económico do segundo franquismo, cando comezou o éxodo rural. Esa situación continuou en forma de emigración, non tan masiva, e caída da natalidade co actual réxime democrático, que deu lugar a que hoxe teñamos unha poboación que se reduciu arredor dun 27% nas últimas décadas con respecto ao inicio do século XXI. 

Impulsouse un crecemento produtivista que favoreceu o peche das explotacións

Pódese sinalar algún factor que provocara esta situación?
Por unha parte o forte desequilibrio entre o hábitat urbano e o rural, no cal este último quedou relegado e marxinado nas políticas e investimentos das administracións públicas. E logo as políticas europeas e autonómicas que impulsaron un proceso de modernización da gandería cara ao sistema intesivo e produtivista que favoreceu o peche masivo de explotacións familiares e polo tanto un declive demográfico persistente, ademais do sobre envellecemento da estrutura por idade e crecente masculinización da estrutura por sexo da poboación. 

A situación pode mellorar?
A crise demográfica é complexa pero non é imposible de frear e superar. Precísase unha diversificación das actividades económicas, xa que na Pastoriza un 40% da súa poboación ocupada está empregada no sector agropecuario. Unha diversificación que favoreza o emprego para a mocidade e as mulleres, dous suxeitos que tenden a emigrar.

Cales son os aspectos fundamentais nos que centrarse?
Potenciar unha actividade gandeira de tipo semintensivo que sería, por exemplo, a produción de leite de pastoreo, e de tipo extensivo como a gandería ecolóxica. É unha produción que favorece máis a fixación de poboación, garantindo unha maior supervivencia a longo prazo das explotacións familiares, xa que os mercados de produtos con calidade diferenciada están crecendo e supoñen mellores retribucións para os agricultores e gandeiros. Tamén se debe potenciar o cooperativismo e asociacionismo en todos os ámbitos e promover a transformación agroalimentaria no concello a través de pequenas empresas. Sen esquecer a diversificación do sector servizos pola potencialidade que ofrece A Pastoriza para o turismo rural e a hostalería-restauración relacionada.

O estudo levouse a cabo antes da pandemia, mudou o covid as conclusións?
Os resultados seguen vixentes, pois estamos falando dunhas tendencias que actúan dende fai décadas e unha situación conxuntural como a pandemia, aínda que fora moi impactante no 2020, non supuxo un cambio significativo no escenario demográfico e socioeconómico da Pastoriza.

Primitivo Iglesias, Elias Trabada e Tomás Villasante na presentación do libro
Primitivo Iglesias, Elias Trabada e Tomás Villasante na presentación do libro

Comentarios