sábado. 08.08.2020 |
El tiempo
sábado. 08.08.2020
El tiempo

ELÍAS TRABADA CRENDE, SOCIÓLOGO

"A Pastoriza dispón dunha gran fortaleza, as explotacións lácteas familiares"

Elías Trabada Crende. ARQUIVO
Elías Trabada Crende. ARQUIVO
O investigador é o responsable dun detallado estudo sobre o municipio pastoricense 

O concello da Pastoriza aprobaba en sesión plenaria, de xeito unánime, a proposta de elaboración dun estudo sociolóxico sobre o municipio, un detallado traballo que se encargou de realizar o sociólogo Elías Trabada Crende, natural de Pol, e que será publicado pola editorial Galaxia.

Como xorde o estudo sociolóxico da Pastoriza?

É unha investigación sociolóxica que xurdiu por iniciativa de Primitivo Iglesias, alcalde da Pastoriza, preocupado polo proceso de despoboamento e envellecemento demográfico que sofre o seu concello, un proceso moi regresivo que actúa no municipio e na comarca chairega desde hai varias décadas, que reflicte con claridade a problemática da Galicia rural baleirada.

Que metodoloxía empregou?

Utilizamos unha metodoloxía plural e complexa, que complementou métodos e técnicas cuantitativas e cualitativas. O proxecto de investigación social desenvolveuse durante 2019 e xerou tres tipos de estudos e informes: cuantitativo, cualitativo e propositivo. Ante unha realidade tan complexa como a crise demográfica da Pastoriza, pensamos que necesitabamos coñecer as dimensións e os aspectos cuantitativos e cualitativos da mesma, xa que só a partir dese coñecemento máis integral poderiamos deseñar unha estratexia municipal de desenvolvemento endóxeno idónea e adecuada ao grave desafío sociodemográfico ao que se enfronta a sociedade e o concello pastoricense.

Que obxectivos persegue?

Con este estudo profundamos no coñecemento da demografía, sociedade e economía pastoricenses, coa intención de xerar un diagnóstico sociolóxico sobre as causas e consecuencias da crise demográfica que padece A Pastoriza. Un diagnóstico que nos permitise propoñer unha política municipal alternativa: en concreto, unha estratexia de desenvolvemento endóxeno para A Pastoriza, dirixida a frear a crecente desertización humana do seu territorio e o envellecemento da súa poboación. En xeral, propóñense unha serie de obxectivos e liñas estratéxicas de actuación para contribuír a fixar poboación e rexuvenecer a envellecida estrutura demográfica da Pastoriza.

Cal é a principal conclusión á que chegou?

Que a realidade social que denominamos de crise demográfica é unha concatenación de varias crises, as cales conforman un proceso de círculo vicioso no hábitat rural, pois retroaliméntanse entre elas: a crise demográfica, social, cultural, económica e a institucional. Unha mestura e encadeamento de crises que impoñen un escenario moi regresivo que parece irreversible.

E é irreversible ou albíscase unha solución?

É un escenario que podemos cambiar en sentido positivo se logramos implicar os actores e os recursos necesarios e adecuados a través dunha planificación democrática, integral e sostible do desenvolvemento local. A Pastoriza dispón dunha gran fortaleza: as explotacións familiares dedicadas á produción láctea. Apoiándose nesa fortaleza pódese promover a produción con calidade diferenciada e ecolóxica, tanto na gandería como na agricultura, así como a súa transformación e comercialización desde o territorio local. Así darase un gran salto adiante, desde o suco do despoboamento e o envellecemento cara ao rego da repoboación e rexuvenecemento demográfico.

"A Pastoriza dispón dunha gran fortaleza, as explotacións lácteas...
Comentarios