Elba Veleiro: "A alcaldía non é moi distinta á consulta"

A doutora Veleiro, que chegaba hai case catro décadas á capital chairega como médica de familia, cambiou en maio a consulta pola alcaldía, pero mantén a mesma filosofía: atender aos veciños
Elba Veleiro, na casa do Concello. C. PÉREZ
photo_camera Elba Veleiro, na casa do Concello. C. PÉREZ

Chegou a Vilalba como médica de familia e botou case 40 anos na súa consulta, cunha media de 1.400 tarxetas —levaba dez anos co cupo pechado— e chegando a atender a varias xeracións da mesma familia. Acaba de estrear os 65 anos, pero aínda non pensa na xubilación, ilusionada co seu novo labor na alcaldía, á que se dedica en exclusiva e coa idea, polo menos de momento, de prorrogar a súa excendencia.

Bota de menos a consulta?

Non, porque tras 39 anos vén ben unha paréntese, pero se tivese que volver, incorporaríame sen problema. A verdade é que a alcaldía non é moi distinta da consulta, o único que non fago é receitar.

A alcaldía parécese á consulta?

Non hai moito cambio porque o primeiro é o contacto coa xente, escoitar os seus problemas, preocupacións, alegrías. É Facer unha diagnóse e aplicar un tratamento ou solución, ás veces definitivo, outras paliativo. O que é novo para min é a parte institucional e a relación con outras administracións.

A xente segue a preguntarlle cuestións médicas?

Moi poucas, algunha vez e máis na rúa ca no concello, onde pode pasar excepcionalmente con algunha persoa que vén facer algunha dilixencia. Ás veces son pacientes meus e son eu a que lles pregunto como van.

"A nosa idea é deixarlle ás seguintes xeracións unha vilalba habitable e fermosa, con condicións de benestar"

Tras doce anos na oposición, resultoulle doada a transición ao goberno?

O maior atranco que atopamos é que moitas veces non están reflectidos por escrito convenios ou decisións. Había cousas apalabradas das que non hai rexistro e témolas que rexeitar ou tentar solventalas se é posible.

Que é o primeiro que fai ao entrar na oficina? A que hora chega?

Mirar a axenda e se teño algo para firmar. Veño sobre as 9.00 e estou ata as 15.30 ou algo máis e moitas veces volvo pola tarde se teño concertadas reunións. Iso cando non teño que viaxar ou ir chamar as portas doutras institucións.

Que foi o mellor e o peor ata o de agora?

O mellor momento foi o 15 de xuño, cando tomei posesión, e o máis duro que unha veciña, Mari Carmen Vázquez, fose vítima dun asasinato machista.

Que balance fai destes meses?

Positivo. Tivemos moito traballo no día a día, porque Vilalba é un concello cun peso importante e con moitas necesidades, por estrutura, por extensión xeográfica, polo número de parroquias, con moitos núcleos, e pola poboación rural, moi envellecida, aínda que teño que dicir que o índice de natalidade está estabilizado. Temos tamén un sector agrogandeiro potente e un polígono industrial que afortunadamente ten actividade e nós aspiramos a que se amplie en solo e en número de empresas. Dende o equipo de goberno estamos a traballar con ilusión dende o primeiro día co obxectivo de consolidar aquilo que está ben e cambiar a liña ideolóxica, porque para iso nos votaron os cidadáns.

"No rural pídennos actuacións en vías, máis puntos de luz ou que se axilice a recollida de voluminosos ou plásticos"

Que necesita Vilalba?

Dende a oposición criticabamos a parálise do anterior goberno porque o que cremos que necesita Vilalba é dinamismo. As actuacións que se fagan deben ir dirixidas ás persoas e ás veces cando se fai unha actuación urbanística só se pensa no tráfico, cando tamén hai peóns. A ninguén se lle escapa que o cambio climático é unha realidade e a nosa idea é deixarlles ás seguintes xeracións unha Vilalba habitable e fermosa, con condicións de benestar para a cidadanía.

Encaixa nesa idea a peonalización puntual da Rúa da Pravia ou a longamente debatida da Praza de Santa María?

Na Praza de Santa María hai que deixar paso a vehículos, pero si queremos eliminar o aparcamento buscando unha alternativa próxima e niso estamos a traballar. Tamén proxectamos humanizar a Avenida da Terra Chá e o contorno do auditorio e queremos poñer en valor o Camiño de Santiago, porque pode xerar ingresos e dar a coñecer Vilalba e os seus produtos emblemáticos, sobre todo agora co Xacobeo 2021.

Que lles piden os veciños?

No rural os particulares piden sobre todo actuacións en vías, porque a rede é moi extensa, está en malas condicións e a climatoloxía adversa non permitiu facer arranxos e incrementou as desfeitas. Tamén piden puntos de luz ou que se axilice a recollida de voluminosos ou plásticos ou melloras na recollida do lixo, un contrato que leva 20 anos e temos que renovar agora. Mentres, as asociacións piden apoio económico para desenvolver actividades.

Cales son as súas prioridades á hora de actuar?

Responder ás necesidades dos veciños e darlles voz, xestionar da mellor maneira posible os cartos públicos e ofrecer igualdade de oportunidades en todos os eidos. No tocante a proxectos esperamos buscarlle a mellor solución á infrautilizada estación de buses. Hai opcións, pero a nosa idea é poñer alí un centro de día, sen deixar desantendido o servizo aos viaxeiros. Adxudicamos o SAF, estamos traballando nunha solución definitiva para o Madrugadores de cara ao próximo curso e temos outros proxectos pensados para mellorar a vida dos vilalbeses.

"Perderíame nun lugar que permita gozar da natureza"
Un libro?

Fai tanto tempo que non leo... Teño varios empezados.

Unha película ou serie?

Desde que estou no Concello non vexo series, pero son das clásicas, como Cuéntame ou Amar en tiempos revueltos. E de películas, a saga Star Wars ou ET, polo recordo de velas en familia.

Unha canción?

Non son de cancións, pero diría calquera de cantautores como Sabina, Serrat, Perales...

Unha viaxe?

Calquera, porque me gusta moito viaxar, pero quédome con cando fun a Florencia.

Unha manía?

Comprobar que queda desenchufado o ferro de pasar antes de saír da casa.

Un lugar para perderse?

Calquera, tanto do interior coma da costa de Galicia, que permita gozar da natureza.

O lugar favorito de Vilalba?

A casa do concello, porque me atopo moi a gusto traballando polos vilalbeses.

Ten mascota?

Non, agora non. Encantaríame volver ter un can, pero non dispoño de tempo para atendelo con responsabilidade.

Que leva sempre consigo?

O móbil.

De pequena quería ser...

De moi pequena non recordo e de adolescente xa me decantei pola medicina.

Comentarios