Educación premia o proxecto ‘Faiuco é astronauta’ do Ceip Virxe do Corpiño

O proxecto, desenvolvido no curso 2016-2107, implicou a todo o centro e ten o universo como temática e como protagonista o trasno mascota da biblioteca

Faiuco, vestido de astronauta. EP
photo_camera Faiuco, vestido de astronauta. EP

BEGONTE. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de facer públicos os premios do IV Concurso de Traballos por Proxectos, enmarcado no Plan Lía de Bibliotecas Escolares.

Entre os 21 premios concedidos figura un único centro da provincia de Lugo, o Ceip Virxe do Corpiño de Begonte polo traballo Faiuco é astronauta.

Este proxecto multidisciplinar, desenvolvido no curso 2016-2107, implicou a todo o centro, co universo como temática e a mascota da biblioteca, Faiuco —un trasno que vive na faia que hai o pé da ventá da biblioteca—, como gran protagonista coas súas aventuras espaciais, coas que se potenciou o hábito lector dos alumnos e se impulsaron investigacións para realizar distintos traballos.

Coverter o colexio nun planetario xigante, recibir a visita dun astrónomo, traballar sobre a música de ‘Los Planetas’ de Gustav Holst, identificar polígonos nas constelacións ou que cada alumno deseñase un cómic interestelar son só algúns dos contidos deste proxecto que lle reporta ao centro unha recompensa de 2.000 euros.

«Para nós é unha alegría moi grande, xa non só polo premio, senón polo recoñecemento a toda a xente que se implicou», indican dende o centro, recoñecendo que «é un orgullo que se teña en conta o traballo dun centro pequeniño coma o noso, do rural».

Educación distinguiu o colexio begontés na categoría de Ciencias da modalidade de Proxectos documentais integrados, coordinados dende a biblioteca escolar, na que tamén levaron premio outros dous centros, o Ceip de Leirado de Salvaterra do Miño e o IES Castro Alobre de Vilagarcía.

Comentarios