Educación con conciencia do rural

40 anos do IES Pedregal de Irimia ▶ O centro educativo meirego celebra este curso o seu cuadraxésimo aniversario. O instituto, creado en 1982 en estancias do edificio consistorial e de vivendas particulares, conta actualmente con 136 alumnos de Meira, Pol, A Pastoriza e Ribeira de Piquín, que cursan Eso ou Bacharelato.

O colexio antes das reformas. EP
photo_camera O colexio antes das reformas. EP

"Tiña matrícula feita en Lugo, e cando meu pai se decatou de que ía haber instituto en Meira bulimos a cancelala", explica Rubén Pol, actual xefe de estudos e un dos primeiros alumnos do IES Pedregal de Irimia. E é que o destino da maioría de mozos e mozas de Meira e dos arredores, ao rematar EGB, era a capital provincial, ao non ter onde seguir estudando preto. Esa lembranza de Rubén é do ano 1982, o mesmo no que se creou o centro educativo no que dá clases de Xeografía e Historia.

A iniciativa partiu do Concello, tal como recorda Chus Maseda, primeira directora, posto que lle ofreceron nunha xuntanza onde trataron a necesidade de abrir un instituto, sendo este o primeiro paso para a súa creación.

Chus Maseda, primeira directora do IES Pedregal de Irimia. EP
Chus Maseda, primeira directora do IES Pedregal de Irimia. EP

"Comezou todo con preto de 60 alumnos, despois de que eu fose anunciando e facendo propaganda por colexios e máis lugares para que a xente o soubese", explica Maseda, á vez que apunta que os primeiros anos empregaban aulas libres do Concello para dar alí as clases.

A primeira directora do centro concreta que as condicións nas que comezaron eran "moi humildes, pero con moita ilusión, e co apoio da xente do pobo e do Concello, que nos axudaron moito en todo momento, recoñeceron sempre o noso labor e alegráronse do crecemento do centro".

Unha saída ao Camiño de Santiago. EP
Unha saída ao Camiño de Santiago. EP

"Recordo que ximnasia faciámola en aulas baleiras no inverno, e polo pobo no verán, correndo ata o campo de fútbol, onde si que había un pavillón de grava, ou xogando ao voleibol empregando o enreixado da reitoral como rede", di Rubén Pol, rememorando aventuras daquela época.

Dende aquela foi medrando e evolucionando, con cambios significativos como o de localización –o edificio actual data de 1986–, ou os dous de nome. O primeiro, en 1991, cando o Instituto de Bacharelato Mixto de Meira pasou a ser Instituto de Ensino Secundario Profesional de Meira. O segundo, en 1996, foi xa ao actual.

Rubén Pol, exalumno e xefe de estudos do IES Pedregal de Irimia. EP
Rubén Pol, exalumno e xefe de estudos do IES Pedregal de Irimia. EP

O actual director do centro, Mario Outeiro, apunta que "o lugar elixido para darlle nome ao centro representa a todos os veciños meiregos e á vila en xeral, ademais de ser moi característico da zona, e coido que foi iso o que motivou a súa elección", que ve como moi acertada polo significado que ten o Pedregal de Irimia.

A día de hoxe o instituto conta con 136 alumnos e 26 profesores, e é un centro educativo "tirando a pequeno, algo que nos gusta, porque así podemos ter unha atención máis persoal cos alumnos e atender mellor as súas necesidades e inquedanzas", o que enche de orgullo a Mario Outeiro.

"No instituto tentamos educar sempre poñendo en valor e dándolle moita importancia no noso día a día ao rural, xa que é algo que nos rodea e define", conta, á vez que engade que fan "saídas e actividades para familiarizarnos, coidar e interactuar co contorno sempre que podemos, así como con outros centros de Meira, como poden ser a escola infantil ou o centro de día".

Unha exposición micolóxica. EP
Unha exposición micolóxica. EP

Froito deste enfoque naceu a materia propia Relación co Medio, na que, durante unha hora á semana, os alumnos aprenden sobre como "tratar e transformar o rural e os seus recursos e obter un valor deles, e ver como son traballos como pode ser a apicultura", di Mario Outeiro, á vez que apunta que están a aproveitar "o invernadoiro que hai no centro", e tamén colaboran, na materia, coa iniciativa Mestres Gandeiros.

O compromiso coa vila e coa cultura tamén é parte importante da identidade do instituto meirego. Así naceu o bautismo de aulas con nomes de muller destacadas, que xa suma tres. Unha co de Margarita Ledo, outra co de Sonia Villapol, e unha terceira dedicada ás mulleres da comunidade educativa.

A esta iniciativa únense unhas charlas que deron comezo este curso con motivo dos 40 anos. "Por agora viñeron Marcos Méndez e Esteban Iglesia, nuns coloquios nos que participaron activamente os rapaces, aos que lles gustou moito a actividade", expón o director.

Mario Outeiro, director do IES Pedregal de Irimia. EP
Mario Outeiro, director do IES Pedregal de Irimia. EP

Este cuadraxésimo aniversario enche de ledicia a todas as persoas que estiveron ou están involucradas co centro, e este vaise culminar cunha cea o venres 26 de maio. Nesta haberá dúas actuacións musicais, unha dos rapaces do centro e outra de De Vacas. Ademais diso, haberá un tour guiado polo centro para os exalumnos que non viron como é o seu aspecto actual.

a mellor maneira de celebralo, invitando a exalumnos, exprofesores, aos que están na actualidade no centro e a moita xente...", avanza Mario, á vez que confirma que haberá máis actividades ao longo do que queda de curso.

Comentarios