jueves. 20.01.2022 |
El tiempo
jueves. 20.01.2022
El tiempo

A Editorial Canela publicará en 2022 un cancioneiro de Ribeira de Piquín

Xosé Manuel Sánchez Rei e Noemí García. EDITORIAL CANELA
Xosé Manuel Sánchez Rei e Noemí García. EDITORIAL CANELA
Pablo Quintana avanza que será a primeira obra do ano, cunha foto de Ansola na portada

"É importante coñecer os cantares que ata hai nada cantaba a xente cando se reunía nas casas, era a súa forma de pasar o tempo e é unha mágoa que o público non os coñeza", di Noemí García Rodríguez, profesora de Lingua Galega e coautora, xunto ao filólogo e profesor da UDC Xosé Manuel Sánchez Rei, do Cancioneiro de Ribeira de Piquín que publicará Editorial Canela a comezos de 2022.

Cando Sánchez Rei, que a coñecía porque lle dera clase na universidade, a recordaba como unha alumna "brillantísima" e sabía que coñecía ben as terras da montaña luguesa, a convidou a sumarse ao proxecto, Noemí non o dubidou. "Non o pensei dúas veces e aceptei", recorda sobre un traballo que define coma a "oportunidade perfecta para achegármonos á nosa historia". E no seu caso, tamén ás raíces, pois aínda que ela é de Lugo, a súa familia paterna é da Fonsagrada.

Noemí coñecía eses trazos dialectais dunha terra que se atopa na área de influencia dos bloques central e oriental, sabía que sería interesante recuperar esas particularidades da linguaxe falada que varían dunha zona a outra, mais non contaba con atopar tan viva a riqueza da tradición oral, da que forman parte versos coma estes: "As mociñas de Santalla/todas xuntas na cancela/unhas cantan outras bailan/outras muxen a cadela", unha das moitas coplas recuperadas que chamaron a atención de Sánchez Rei.

"Sorprendeume a cantidade de cantigas que aínda conserva a xente maior e que se están perdendo, algunhas comúns a toda Galicia e outras propias", confirma Noemí, que fai fincapé no ligada que están as terras de Ribeira de Piquín e dos concellos da contorna á música de gaita.

SEIVANE. Foi a figura dun ilustre artesán gaiteiro que tivo durante décadas un obradoiro no Chao do Pousadoiro, e a extensa investigación realizada por Sánchez Rei para dar forma ao libro Xosé Seivane, A gaita con maiúscula, a que fixo xermolar este proxecto.

"A nai de Seivane, Estrella, tiña un grande ouvido musical e cantaba ao seu fillo moitas melodías tradicionais e poesías da época", lembra Sánchez Rei sobre os inicios de Seivane na música na súa Fomiñá natal. Comezou a remexer nos cancioneiros –o de Antón Santamarina e Dorothé Schubarth Santamarina, o de de Bal y Gay ou o de Pol de Rielo Carballo– e bateu con moitas poesías da zona, que gardou nunha carpetiña á espera de definir o seu futuro.

Algunhas empregáronse no libro de Seivane, pero a maioría estaban simplemente aí, de modo que Xosé Manuel falou con Pablo Quintana –responsable de Canela, que editaba o libro de Seivane–, para proporlle publicalas como cancioneiro por un motivo fundamental: "Hai rexións con cancioneiros específicos, mais non había da zona de Ribeira de Piquín, e é unha mágoa que ese cancioneiro de comezos do século XX, con algunhas pezas que xa foron documentadas no XVIII, non fose coñecido", defende Sánchez Rei.

E Pablo deu o visto bo a un proxecto que se inclue na colección Tradición Oral, a mesma do libro de Seivane ou do gaiteiro fonsagradino Manuel de Juano. "Está practicamente todo feito", precisa Pablo Quintana, que avanza que o cancioneiro levará unha portada de Vicente Ansola, un fotógrafo cántabro afincado na Pontenova, a quen Canela publicou Aldeas sen voz, e que xa ten colaborado coa editorial en traballos previos. Se todo vai segundo o previsto, será a primeira publicación que faga Canela o vindeiro ano.

Máis de dous centos de poesías 
Música, etnografía e literatura popular fúndense no Cancioneiro de Ribeira de Piquín, que recolle máis de 200 poesías recollidas na Ribeira de Piquín ou en zonas próximas, segundo di Sánchez Rei, unha parte froito do traballo de documentación e outra da recollida directa. A obra conta cun estudo introdutorio, lingüístico e histórico, no que se analiza o tipo de cantigas, a simboloxía, o valor da lingua ou a transmisión de xeración en xeración.

Mapa. Inclúese un mapa do municipio, feito especificamente para o libro logo dun intenso traballo de campo para que fose o máis actualizado e exacto posible, tal e como precisa Quintana.

A Editorial Canela publicará en 2022 un cancioneiro de Ribeira de...
Comentarios