Descubre o recuncho de... Natalia Carballal

Un edén equino no corazón de Muras

Os animais do Porto Gandeiría campan ás súas anchas por este espectacular espazo natural de Irixoa
Monte do Porto e, ao fondo, o Alto da Amosa cos eólicos. EP
photo_camera Monte do Porto e, ao fondo, o Alto da Amosa cos eólicos. EP
Localización
O Monte do Porto está situado na parroquia muresa de Irixoa. Para chegar ata el hai que ir pola LU-540 ata o desvío da Paleira, e dende alí tomar a estrada LU-P-3402 e percorrer por ela ao redor duns dous quilómetros.
Titularidade
A parcela do Porto Gandeiría é de titularidade privada, polo que non se pode acceder a ela. Porén, moitos curiosos deteñen os vehículos a carón da estrada para contemplar os animais ou fotografalos no seu ambiente natural. 
Inimigo
Un dos maiores inimigos é o lobo, cada vez máis presente na contorna. Así o confirma Natalia, que asegura que os gandeiros de Muras están "moi preocupados" por esta situación, xa que compromete o benestar dos seus animais e fai difícil a tranquilidade e a harmonía.


Buscar un lugar favorito en Muras non é tarefa doada para Natalia Carballal. "O Alto da Amosa en flor, o Xistral e o seu gando, as casas dos avós cheas de cariño e de recordos...", vai enumerando esta veciña da parroquia de Irixoa, mentres se detén no espazo que é, sen dúbida, o máis especial para ela: o Monte do Porto.

O PORTO GANDEIRÍA MURAS 31
Natalia cun dos seus cabalos. EP

Este lugar "é casa", unha contorna natural na que nada máis chegar "empezan a desaparecer todas as preocupacións e ansiedades do día a día", asegura.

"Alí só importa o presente: desfrutar da contorna e das eguas", engade a moza sobre unha propiedade privada que está destinada á cría de gando equino, e que se sitúa a medio camiño entre A Paleira e O Viveiró.

"Dende hai anos, e por tradición familiar, levouse a cabo unha transformación do monte para poder facer un hábitat o máis ideal posible para estes animais, os cabalos do Porto Gandería", explica Natalia Carballal, que está moi implicada con este proxecto da súa familia, que permite a os exemplares equinos desenvolver "a súa vida do xeito máis libre e natural posible e en manda". 

E unha das épocas máis bonitas para contemplar este recuncho singular de Muras é precisamente a primavera, segundo indica Natalia, quen dá as claves de por que é tan especial. 

"É época de partos e de dar a benvida a todos os novos integrantes da manda", di cun sorriso, indicando que estes nacementos son para ela sinónimo de "esperanza, emoción é tenrura".

O PORTO GANDEIRÍA MURAS 6_j
Un poldro do Porto Gandeiría mamando. EP

A moza, que estudou Enxeñería Agrícola e Veterinaria, ten a fortuna de poder ver como se desenvolven estes animais e se van convertendo en exemplares fortes. "Pasarán de estar pretiño da nai a botar carreiras cos compañeiros e mesmo sentirse un dandi fronte ás eguas en celo", asegura Natalia sobre esas fermosas imaxes que deixa a natureza no Porto.

De feito, son moitos os visitantes que se achegan ata este lugar de Muras para fotografar os cabalos da súa gandería, asegura Natalia, que invita a todos os que non coñecen a contorna a pasarse por alí "con respecto e sen invadir o espazo privado" para poder desfrutar do que a moza cualifica como "un espectáculo natural inigualable".

Comentarios